FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
O novo horario lectivo permitirá atender aos alumnos usuarios do transporte escolar á chegada e saída dos colexios
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cubrirá o vindeiro curso con acompañamento do profesorado ao alumnado usuario do transporte escolar, dende a súa chegada ao centro educativo ata que entran nas aulas, grazas ao reordenamento da xornada de traballo do persoal docente de infantil, primaria e educación especial que se vai presentar o vindeiro martes na mesa sectorial do ensino non universitario.Así mesmo, o novo horario lectivo permitirá que os docentes poidan atender a estes nenos desde que rematan as clases ata que suban ao autobús.
Desta forma dáse resposta ás familias, que viñan demandando acompañamento para as súas fillos neses momentos sen clase, sobre todo no caso das alumnas e alumnos de menor idade. Así, a extensión do horario lectivo de 21 a 25 horas, mantendo a xornada laboral de traballo en 37,5 horas, permitirá unha maior atención ao alumnado nestes períodos. Cómpre lembrar, neste sentido, que dentro destas 25 horas lectivas semanais se inclúen as gardas, os recreos e, a partir do vindeiro curso, a recepción e despedida dos escolares no transporte.
A Consellería de Educación exporá polo miúdo a nova ordenación do horario lectivo aos sindicatos na mesa sectorial do vindeiro martes, unha xuntanza que é obrigatoria pero non vinculante, e na que as organizacións sindicais poderán facer as alegacións que estimen oportunas. A Consellería agarda que as devanditas organizacións fagan un exercicio de responsabilidade e manteñan unha postura construtiva e solidaria coas necesidades do sistema educativo.
Atención á diversidade
Con esta modificación, a xornada laboral semanal do profesorado mantense en 37,5 horas, como ata momento. A extensión da carga lectiva permitirá aumentar as actividades de reforzo e apoio por parte do profesorado, de xeito especial no que toca á atención a diversidade e á atención a alumnos con dificultades de aprendizaxe.
Deste xeito tamén sairá reforzado o alumnado con necesidades educativas especiais, xa que o profesorado de pedagoxía terapéutica (PT) e de audición e linguaxe (AL) dedicará unha maior parte da súa xornada de traballo á súa atención.
Doutra banda cómpre sinalar que a modificación non mermará o tempo do que dispoñen os mestres para recibir ás familias, preparar as clases ou corrixir exames, e asistir a reunións de coordinación do centro e ao consello escolar.
Ademais, dentro das 37,5 horas contarán tamén con tempo para a realización de actividades extraescolares e complementarias, así como para actividades de renovación pedagóxica, seminarios permanentes, proxectos de formación en centros e grupos de traballo, entre outras actividades de formación do profesorado.