FRONTE AOS RECORTES E A LOMCE: DEFENDE A ESCOLA PÚBLICA

Este xoves día 13 de decembro a PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO convoca unha xornada estatal de loita en DEFENSA do ENSINO PÚBLICO e contra a LOMCE. Na provincia de Lugo están previstas CONCENTRACIÓNS, ás 19:00 horas, en Burela (diante do IES PERDOURO, rúa do Instituto) e Lugo (diante da DELEGACIÓN da XUNTA, Ronda da Muralla).

A continuación reproducimos o comunicado de CONFAPA facendo un chamamento a participar nesta xornada: 

"Hoxe xuntámonos todos os representantes da comunidade escolar, familias, mestres e alumnos, nun pequeño acto que ten por finalidade defender o que é noso: a escola pública.

Non estamos sós. Nestes momentos, nos centros educativos de toda Galicia e nos de todo o Estado, hai persoas coma nós defendendo o mesmo. E moitísima xente que nos apoia desde outros ámbitos fóra do meramente escolar.

Estamos todos para decir NON a unha reforma que pretende ningunearnos como comunidade, que non ten en conta as nosas propostas; unha reforma que é unha contrarreforma; que vai facer retroceder o ensino público e a educación a tempos que non queremos recordar. Dicimos NON ás decisións dun ministro e dun goberno que defenden ás empresas privadas de educación. Dicimos NON ao desartellamento dunha escola pública inclusiva e de calidade. Dicimos NON aos concertos, non ao elitismo, non á facernos paganos dunha crise da que non tivemos culpa e que xa estamos a padecer nas nosas casas. Abonda xa.

Non van facer desaparecer ás nais e pais da comunidade escolar porque non llo permitiremos. Porque o máis importante sodes os alumnos, os nosos fillos e as nosas fillas. Escollemos para vós a opción máis fermosa: unha educación laica, de calidade demostrada, aberta a todos, inclusiva e gratuíta. É o noso deber protexer o ensino público dos ataques do ministro Wert e decir, coma os avós dos vosos pais: NON PASARÁN. Porque non van pasar por enriba de todos nós: somos moitos e temos a forza da razón e a solidariedade.

                                                   WERT  DIMISIÓN

(Se é posible). Como acto simbólico, como se fose unha aperta ben grande, imos rodear o noso Centro cunha cadea humana. Ímolo protexer porque é noso, porque nel aprendemos a ser futuros cidadáns e cidadás tolerantes, demócratas e críticos cos que pretendan facer da educación un instrumento de segregación e clasismo.

CONFAPA-GALICIA"