FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
ASEMBLEA XERAL ANUAL FAPACEL 5 DE MARZO 2016
O pasado sábado 5 de marzo FAPACEL (Federación de ANPAS dos centros de ensino públicos da provincia de Lugo) celebrou a súa asamblea ordinaria anual. Este ano fíxoo na Casa-Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, co gallo de que o Día das Letras Galegas deste ano 2016 se dedica ao poeta chairego.
Fíxose balance do pasado ano e dos proxectos para este 2016. FAPACEL seguirá con reivindacións en prol dunha mellora da calidade no ensino público. Para isto, está integrada na CONFEDERACIÓN de ANPAS GALEGAS, e xunto co resto de federacións comarcais que forman parte desta confederación, seguirá pedindo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, por exemplo, unha xestión directa dos comedores escolares por parte da Xunta, con menús preparados por empresas e produtos galegos e con altos criterios de calidade; mellor eficacia na xestión das liñas de transporte escolar, con paradas adaptadas ao alumnado, e non ao revés; normativa que rexa a atención domiciliaria en caso de enfermidade…
Seguirá reivindicando novos centros escolares na cidade de Lugo, onde non se fai un novo desde hai 23 anos, a pesar do aumento de poboación, sobre todo na zona sur e norte. A ampliación de colexios xa masificados non son máis que “parches” que seguen sen resolver o problema real de falta de servizos nas zonas que máis medraron demograficamente.
Tamén revindicaremos un Plan Específico do Rural á Xunta de Galicia, no que se contemplen ás súas características e peculiaridades, distintas ás das zonas urbanas e.no que a Educación é unha parte moi importante, para elo, comezaremos por elaborar un informe que recabe datos sobre poboación escolar, distancia e tempo que pasan os nenos/as no transporte escolar, falta de outros equipamentos (escolas de música, deportivas…) nas zonas de montaña. Os contínuos recortes e eliminación de infraestruturas e servizos, como os peches de colexios (como este ano o de Doiras) non fan máis que desanimar á xente nova e agravar a despoboación do noso medio rural.
Organizaremos unha Xornada o 5 de xuño en Piornedo, Ancares, no que poremos en marcha este Plan.
Seguiranse organizando charlas sobre temas que preocupan ás familias: Habilidades sociais, Presenza dos menores nas redes sociais, Integración no contexto escolar … e tamén xornadas que favorezan a convivencia e que dean a coñecer o noso contorno e o que somos (patrimonio, tradicións, xogos tradicionais, toponimia…)
Poremos especial fincapé na Violencia machista pois dende a FAPACEL pensamos que a violencia contra as mulleres non cesará mentras as administración correspondentes non invirtan medios, tanto humanos como materiais, para intervir neste tema.
E tamén na Educación, dende a escola e a familia, ten que mudar a concepción que temos da Sociedade de forma radical.
Sabemos que é unha tarefa longa e complicada pero que temos que comezala dende xa. As nosas fillas (e os nosos fillos) serán as primeiras beneficiadas.
Tras a asemblea, fíxose unha visita guiada pola Casa-Museo de Manuel María, e xantamos todas xuntas nun restaurante da localidade.
Pola tarde, visitamos o proxecto de Vida de Aldea, en San Clodio, onde coñeceron, da man do seu propietario, outra maneira de entender e poñer en valor o rural, quen complementa a súa explotación de vacún leiteiro co aluguer de hortos para a xente da cidade, e co ofrecemento para distintos eventos de espazos rehabilitados por el e que perderan o uso de carácter agrario para o que se fixeran.
FAPACEL seguirá traballando en aqueles temas que preocupan á comunidade educativa e denunciando os problemas e deficiencias existentes nos centros co fin de acadar un ensino público de calidade.
E lembrade a DEFENSA do ENSINO PÚBLICO é responsabilidade de todas e todos NÓS.
NECESITÁMOSNOS!!!