CHARLA--COLOQUIO: TEÑO UNHA AMIGA QUE...(Educando contra a vilolencia de xénero)

A partir do mes de abril a Federación de nais e país de centros públicos da provincia de Lugo (FAPACEL) en colaboración coa Asociación contra a violencia de xénero SÍ HAI SAÍDA van poñer en marcha o programa “Teño unha amiga que…” para traballar coas anpas da provincia, chamar a súa atención e informalas sobre a violencia de xénero.

Dende esta Federación de ANPAS pensamos que a sociedade do século XXI precisa unha contorna de IGUALDADE na que cada persoa que a integra poida desenvolver as súas facultades en toda a súa extensión; buscar a harmonía e a convivencia pacífica permítenos desenvolvernos como persoas. É unha esixencia perentoria, por tanto, observar unha actitude de respecto absoluto cara ás persoas coas que convivimos. Unha situación de sometemento ou de violencia impide este desenvolvemento; a violencia de xénero é unha secuela que debemos erradicar. Só un maior nivel cultural de respecto aos dereitos de todas as persoas polo feito de selo, sendo todos distintos como somos, e respectando as nosas diferenzas, permitirá que a sociedade avance.

 

ACTIVIDADES:

Trátase de ofertar as ANPAS charlas-coloquio e talleres para traballar por un lado co alumnado, para o que se pedirá a colaboración ao profesorado do centro, e por outro coas familias pois pensamos que é aquí na familia onde temos que poñer o primeiro chanzo para mudar este modelo de sociedade no que o home está por riba da muller.

Na educación, dende a escola e a familia, ten que mudar a concepción que temos da muller de forma radical

Sabemos que é unha tarefa longa e complicada pero que temos que comezala dende xa. As nosas fillas, e os nosos fillos, serán as primeiras beneficiadas.

 

DESTINATARIOS:

ANPAS, nais e pais e alumnado de centros educativos de toda a provincia de Lugo de tódos os niveis de ensino non universitario