CHARLA--COLOQUIO: "TEÑO UNHA AMIGA QUE..."

Este sábado 9 de abril tivo lugar unha charla-coloquio a cargo de Marta Rodríguez Engroba da asociación contra a violencia de xénero SÍ, HAI SAÍDA, e Laureano García, da Policía Nacional de Lugo, no Centro de convivencia Uxío Novoneyra do Concello de Lugo. A charla aconteceu antes de coñecer o triste suceso do que parece ser outro novo caso de violencia machista, esta vez na nosa cidade, e que pon de manifesto unha vez máis que urxe encarar o problema para evitar máis mortes.

O relatorio englóbase dentro das actividades organizadas por FAPACEL (Federación provincial de ANPAs de centros públicos de Lugo) en relación co tema Educar en igualdade.

A familia, a escola e a sociedade son os tres ámbitos nos que se educan os nosos fillos e fillas, e nos tres hai que loitar para sensibilizar e dar visibilidade a algo tan tremendo como é o asasinato de mulleres, e os seus nenos e nenas todos os anos, ademais dos milleiros que sofren e teñen medo ou temen pola súa vida todos os días. Isto, froito dunha sociedade machista que entende a relación de parella como unha relación desigual de dominación.

Na charla, abordouse como detectar os signos que nos deberían alertar ante unha relación enfermiza; cando dar a alarma e como prestar axuda á vítima…e analizouse o repunte da violencia machista na adolescencia, agravado polo uso das redes sociais, así como os modelos masculinos de dominación e protección, que xunto coa idea de “amor romántico” que se nos ofrece socialmente nos medios, na publicidade…non axudan a acadar a desexada igualdade nas relacións sentimentais.

Fíxose fincapé na denuncia como medida indispensable para poñer en marcha os mecanismos de protección social: pisos de acollida, orde de protección, de afastamento… e das novas ferramentas xudiciais e policiais para protexer as vítimas e actuar contra os maltratadores.

Tomar partido, chamar ao 091 no caso de ser testemuña dun caso de violencia machista, activar os protocolos nos centros educativos ante algunha sospeita…, pode ser a diferenza entre salvar unha vida ou que outra muller ou os seus fillos ou fillas sexan asasinadas.

Depende de toda a sociedade educar en igualdade. Eduquemos para que os nosos fillos non sexan maltratadores. Eduquemos para que as nosas fillas non sexan maltratadas.

Estas charlas-coloquio impartiranse tamén o vindeiro sábado 16 de abril en Foz, o 30 en Chantada e o 6 de maio en Becerreá, ademais de en distintos centros educativos de primaria e secundaria da provincia.

 

E os nenos divertíronse cun obradorios de contos a cargo de Elena Centelles e Mar Centelles