REUNIÓN DA FAPACEL COAS ANPAS DE LUGO CIDADE

FAPACEL (Federación provincial de ANPAs de centros de ensino público de Lugo) organizou unha reunión o pasado venres 8 de abril con representantes das distintas ANPAs dos centros de ensino públicos da cidade de Lugo para tratar os temas que preocupan á comunidade escolar da capital lucense.

 

As familias do barrio do Sagrado Corazón ven con preocupación o alarmante retraso nas obras do colexio, o que incide negativamente para que exista demanda de prazas de nova escolarización. Isto podería ser aproveitado pola Consellería de Educación para suprimir este centro educativo en favor doutros, cando é a propia consellería a que desencadena a situación coa súa inoperancia. NON SOBRA NINGÚN CENTRO DE ENSINO, O QUE FAI FALTA É UNHA NOVA ZONIFICACIÓN PARA DISTRIBUÍR A POBOACIÓN ESCOLAR DE FORMA EFICIENTE.

A calidade no ensino é incompatible coa masificación nas aulas. Péchanse centros mentres noutros métese alumnado por riba da capacidade para a que foron deseñados, a expensas dos espazos comúns, como está pasando nos CEIPs As Mercedes, Paradai, Casás, Illa Verde…

Tamén os pais e nais expresaron o seu malestar polo trato que reciben ás veces, nos centros educativos, por parte dos equipos directivos. Estas, en público, maniféstanse a favor da implicación das familias na educación dos seus fillos e fillas, pero despois pon trabas á súa actuación como representantes nos Consellos Escolares (acceso a información, actas...) atentando ás veces contra a lei que rexe o funcionamento deste (é un órgano colexiado), ou contra os dereitos das ANPAs a ter un local no colexio ou a repartir información ás familias, ante o caso omiso, todo hai que dicilo, da Inspección Educativa.