FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
RUTA POLA DEFENSA DO ENSINO NO RURAL: Domingo 5 de xuño
Desde hai varios anos as familias do alumnado da montaña de Lugo vimos reivindicando que non se descoide a formación académica dos nosos nenos e nenas por parte da Consellería de Educación, e digo reivindicando porque se está descoidando...como todo o rural. Ano tras ano vemos como recortan medios aos colexios, suprimen prazas do profesorado, que dificilmente se van volver crear, porque esa supresión está baseada nos ratios e en criterios económicos (e coa crise económica isto empeorou) e,desgraciadamente o alumnado vai diminuíndo.
Desde hai varios anos as familias do rural, e connosco a FAPACEL, pedimos unha discriminación positiva para estas zonas, como son Cervantes, Navia de Suarna, Courel, Incio, Samos...
É evidente que o problema do número de alumnos/as non é un problema illado do rural, é outra das consecuencias do abandono progresivo das vilas, dun despoboamento que, nalgunha destas zonas propicia un saldo vexetativo da poboación de -50 (é o caso de Incio), pero os demais non estamos moito mellor.
A solución non vai ser fácil de atopar, pero si é posible pór as medidas necesarias para que isto non empeore, e podemos empezar “mimando” a xente da montaña; e como?, pois valorando o que temos, e recoñecendo que a riqueza paisaxística, cultural...de Ancares, Courel e todas estas zonas-teñen
varias figuras de protección a nivel europeo: reserva da biosfera, Rede Natura 2000...), mantense porque a xente da montaña as coidas. Isto é así.
Hai que ser coherentes: se queremos presumir do rural e de montaña, haberá que pór os medios necesarios para manter aquí a poboación, e por suposto, respectar os dereitos dos nosos fillos e fillas a una educación pública de calidade. Se o sistema educativo actual non nos garante esa calidade, que non o fai, xa que con poucos profesores e varios cursos por aula é moi difícil, entón haberá que buscar un sistema educativo que funcione, un sistema que garanta unha formación educativa a nivel de calquera colexio e que ademais valore a relación coa contorna, a participación das familias (son colexios pequenos e iso sería posible),os costumes...e todos os factores que fan que os colexios da montaña sexan o que son.
Desde as asociacións de pais e nais, e de familias non asociadas pero si preocupadas polo futuro dos seus fillos e fillas e do rural, tentamos dinamizar as nosas zonas na medida do posible, á vez que reivindicamos os nosos dereitos e os dos nosos nenos e nenas, e para iso organizamos distintos eventos como esta RUTA POLA DEFENSA DO ENSINO NO RURAL.