FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
NOTA DE PRENSA: PROBLEMÁTICA COA XESTIÓN DOS COMEDORES DOS COLEXIOS PÚBLICOS DE LUGO
En relación á problemática surxida coa xestión dos comedores dos colexios públicos de Lugo para o vindeiro curso, e tras a reunión deste luns con parte das 9 ANPAs afectadas, desde FAPACEL, e no nome delas, quixeramos comentar:
As liñas que defenden esta federación e a confederación ANPAS GALEGAS a nivel de toda Galicia é que todos os centros educativos deberan contar con servizo de comedoruniversal, gratuíto e integramente xestionado por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia
No decreto que regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos dependentes desta consellería (Decreto 132/2013, do 1 de agosto), recoñécese que o que naceu para “dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familias, derivada do asentamento poboacional en núcleos illados e diseminados” e que era a “razón pola que ata de agora se concibía o servizo de comedor unido ao servizo de transporte escolar” actualmente “o comedor escolar é un importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar” e se lle recoñece a categoría de servizo público educativo complementario.
Pero actualmente o agravio comparativo é co alumnado dos centros urbanos, nos que a Consellería actualmente non dá este servizo e, para paliar a súa inacción, permite que outras administracións como os concellos (tras retirarlles a nivel estatal as competencias en educación) e incluso asociacións sen ánimo de lucro como son as ANPAS poidan facerse cargo deste servizo.
É dicir, é esta carencia e a deixadez da Consellería a que levaás anpas, para facilitar a conciliación familiar e laboral, a facerse cargo do servizo de comedor e das actividades extraescolares, pero as ANPAs non son organizacións provedoras de servizos, nin de contratación e xestión, senón organizacións para vehicular a presenza das familias no proceso educativo.
No caso que nos ocupa dos colexios de Lugo, a consellería de Educación négase a asinar o convenio de colaboración co Concello que lle permitiría a este seguir dando o servizo e eximindo ás ANPAS dunha xestión que non lles corresponde, porque está “fóra de prazo e non fai excepcións”. Esta actitude pon en perigo o servizo de comedor o vindeiro setembro nos colexios públicos de Lugo.
Instamos á Consellería a que asuma dunha vez as súas responsabilidades cos comedores urbanos.