FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
PASAR DE CURSO CON DÚAS SUSPENSAS OU COMO VENDER OS ERROS COMO NOVIDADES -FERNANDO LACACI (Vicepresidente da Confederación ANPAS GALEGAS )
PASAR DE CURSO CON DÚAS SUSPENSAS OU COMO VENDER OS ERROS COMO NOVIDADES
Anda estes días na prensa unha noticia, totalmente interesada como case todas as que “filtra” o Ministerio de Educación, que fala da posibilidade que ha ter o alumnado de cuarto da ESO de pasar de curso con ata dúas materias suspensas; sempre que non teñan a mala sorte de xuntaren, nese lotiño, lingua, galega ou española, ben entre si ou cada unha delas con matemáticas.
E a noticia pretende ser que isto forma parte do desenvolvemento da LOMCE, queríase vender como unha novidade, que se aplicaría para beneficio xeral da mocidade que este ano tivo a mala sorte de cursar cuarto da ESO, e de convertérense polo tanto en experimentos vivos dun enorme fracaso normativo que o partido no goberno empéñase en manter; contra a opinión de toda a sociedade, contra a opinión do Parlamento, contra todos, pero sobre todo contra desa mocidade que está a sufrir a incompetencia dos seus gobernantes.
Pero é importante dicir que con ese anuncio non só non avanzamos nada, nin hai novidades de ningún signo, senón que todo isto é unha pantalla de fume para poder retroceder, sen recoñeceren a magnitude do erro, a onde xa se estaba; porque a posibilidade de pasar de curso con dúas materias suspensas xa estaba na normativa anterior á LOMCE: a LOE; que é a onde deberiamos retornar canto antes, logo de derrogar e enterrar esa Lei de Mellora que tanto leva empeorado o noso Ensino Público nestes poucos anos.
Mais tamén é ben lembrar que a superación dun curso e o pase ao seguinte non é algo matemático, non se produce só polo cumprimento frío e calculado de requisitos numéricos, nin cabe, nin nunca coubo, a posibilidade de que alguén decida que pode prescindir dunha materia porque pode permitirse o luxo de suspendela.
Porque aínda que o Ensino Público ten a desgraza de depender nos seus enunciados normativos dunha morea de políticos que pretenden empregalo para escravizar á cidadanía, a través dunha formación que quixeran máis dedicada á consecución de obreiros que a obtención de cidadáns; por sorte depende moito máis dunha ampla equipa de profesionais docentes que son quen realmente avalía as posibilidades de cada mozo ou moza, dándolle esencia viva á friaxe dun número de suspensos, e personalizando para cadanseu alumno ou alumna as vantaxes de repetir ou continuar, considerando toda a súa traxectoria e todo o seu esforzo e circunstancias.
A lectura que hai que facer dun suspenso, de todos e cada un deles, é que son un fracaso da sociedade, das familias, e dos profesionais do ensino; pero sobre todo son un fracaso do sistema educativo; evidencia e sacan á luz as carencias dun sistema que non é quen de obter dos seus usuarios a máis elevada das súas capacidades; e pon de manifesto a incompetencia dunha clase política que non foi quen, e segue sen o ser, de priorizar a Educación por riba de calquera outra materia ou circunstancia social ou política; de comprenderen que todo o noso futuro depende da calidade no noso Ensino presente.
Vivimos nunha sociedade que aínda culpa ao alumnado de non ter superado con éxito as trabas que se lle poñen no seu medre académico, e quizais sexa xa chegado o tempo de pensarmos que somos nós, os seus acompañantes máis adultos, quen non estamos a ser quen
de os apoiar, ata onde precisen ser apoiados, e de esixir para eles a posta a disposición de medios humanos e materiais abondos como para que cheguen a onde nós puxemos o listón do que queremos que consigan, academicamente falando.
Se algo significa a LOMCE é o descarnado da selección, do apartamento, e do abandono de amplos grupos da xuventude, a creación de lugares menores onde ir pousando a aqueles que non responden aos estándares sociais; coa intención de lograr un grupo escolleito que cualificaremos como un éxito do sistema.
Pero o único sistema realmente exitoso é aquel que ten como obxectivo a chegada conxunta e universal de todos e todas as que comezan esa carreira que é o Ensino Público, e para lograr ese obxectivo dá o mesmo pasar de curso cunha materia, dúas ou tres, o importante é pasar cos apoios, axudas e medios que permitan a calquera persoa nivelarse con todas as demais.
Porque falamos de Ensino Público, o que é de todas e para todas.
Fernando Lacaci Batres
Vicepresidente da Confederación ANPAS GALEGAS