FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
16 de novembro. O Estudantado galego - ERGUER, estudantes da Galiza - convoca folga no ensino medio e universitario
COMPARTIMOS PLENAMENTE A NECESIDADE DUNHA LEI GALEGA DE EDUCACIÓN.
O estudantado galego - ERGUER, estudantes da Galiza - convoca folga no ensino medio e universitario para o 16 de novembro.
Lembran a parálise de todo o relacionado coa LOMCE, que permanece inalterábel e que está a aplicarse en Madrid e en Galiza sen que, cando menos, se debata a súa derrogación ou a súa paralización de facto.
Tamén por ese mesmo motivo e pola defensa dunha Lei Galega de Educación, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a convocatoria de folga xeral estudantil no ensino secundario e nas universidades galegas do vindeiro 16 de novembro, ao entender que responde á necesidade de facer fronte á involución que a LOMCE e os recortes educativos supuxeron e seguen a supoñer na actualidade.
Sinálase que o goberno do PP está aproveitando a conxuntura para implantar a LOMCE de facto, sen que no Congreso d@s Deputad@s se modifique esa lei antieducativa que permanece atascada nunha subcomisión do Congreso (da que nada se sabe e que non é máis que un paripé para dar a entender que existe un debate arredor da súa implantación”).
Así pois, con este desleixo absoluto, o goberno do PP non fai máis que demostrar que a educación ten prioridade cero nos seus plans e que pretende ir implantando esta lei coa mesma unilateralidade e autoritarismo que caracterizou toda a tramitación da LOMCE.
Desde Erguer afirman que tras a suspensión das reválidas o pasado curso, após seren amplamente contestadas pola comunidade educativa, neste ano escolar a LOMCE pasa sen pena nin gloria, esquecida no debate político.
Se se mantén este impás teremos LOMCE para bastante tempo, ademais dos recortes que sufre este novo curso escolar, seguirase a soportar unha privatización do Ensino Público galopante.
Pero unha vez eliminado o aspecto da lei que xerou máis escándalo, esta parece agora "inofensiva", cando é evidente que o problema da LOMCE é de fondo: de modelo e de proxecto. É por isto que, argumenta a Plataforma Galega, é necesario plantarlle cara e exixir de novo a súa derrogación para que non caia no esquecemento público que interesadamente está a buscar o Ministerio”.
Pero a convocatoria de folga vai máis aló de estar centrada só na LOMCE ou no Decreto do 3+2 nas Universidades:
- Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que viñeron realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no Ensino Público Galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil.
- A redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas.
- A ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de profesorado (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran, cando menos, as xubilacións).
-A alta taxa de interinidade na docencia (que leva a que non existan planteis estábeis nos centros que Galiza).
- A falla dunha posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino.
- Os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo.
- As carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos.
-O aumento dos servizos de pagamento tanto no ensino universitario como no medio.
- O endurecemento do acceso á Universidade ou ao ensino superior para as persoas con menos recursos promovendo unha educación elitista… son outras das realidades ás que se enfronta cada día o estudantado galego.
A necesidade dunha Lei Galega de Educación.
A folga servirá tamén para defender un marco legal propio a nivel galego en forma de Lei Galega de Educación.
Desde Erguer explican que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, no que participaron máis de 10.000 estudantes, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas.
Alén de presentarlle estes resultados á Consellaría para que rectifique as súas políticas, nomeademente no que ten a ver coa defensa do noso idioma, aproveitouse tamén para pedirlle ao goberno da Xunta que aposte por un modelo educativo radicalmente distinto, verdadeiramente pedagóxico e baseado na formación práctica e na avaliación continua, no canto de fundamentarse en probas puntuais que marcan por completo o noso futuro académico.
A situación da impartición de aulas no noso idioma tamén ten un papel central no deseño dunha Lei Propia, co urxente impulso da normalización do idioma, tras anos relegado a un segundo plano, primeiro co Decreto de Plurilingüismo e despois coa propia LOMCE.
Faise necesario un aumento das horas lectivas impartidas en galego e comezarmos a incluír nos currículos das distintas materias todos aqueles aspectos da nosa historia e cultura propias que son relegados ao esquecemento pola uniformización do que estudamos cos contidos do resto do Estado español.
Por último faise un chamamento a apoiar esta convocatoria de folga estudantil co obxectivo de lembrarlle aos gobernos central e galego que as súas políticas teñen enfronte a todo o estudantado do noso País.
Ao tempo, desde a PGDEP anímase ao profesorado e ás nais e pais e facilitar a participación en todas as mobilizacións previstas para a xornada de folga en todo o País.