FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
A FAPACEL súmase á celebración do Día Internacional da Muller, 8 de marzo.//No Consello Escolar dos centros de ensino debe nomearse unha persoa que vele pola igualdade real, tal e como indica a norma.
No Consello Escolar dos centros de ensino debe nomearse unha persoa que vele pola igualdade real, tal e como indica a norma.
A FAPACEL súmase á celebración do Día Internacional da Muller, 8 de marzo.
A FAPACEL celebra o día Internacional da Muller, 8 de marzo, reivindicando que traballar na igualdade de xénero dende a escola, especialmente coas crianzas de Educación Infantil e Primaria, é necesario e imprescindible para eliminar os estereotipos relacionados co xénero e, por conseguinte, previr e conseguir erradicar situacións de discriminación sexista no futuro, o que axudará a sentar bases sólidas para unha sociedade máis xusta dende a igualdade.
Modificar os contidos sexistas no ámbito educativo, formar ao profesorado en propostas pedagóxicas como a coeducación (método educativo que parte do principio da igualdade entre sexos), así como realizar cambios nos propios espazos das escolas que favorezan a igualdade de xénero son algunhas das ideas coas que traballar para eliminar os estereotipos sexistas dende a primeira infancia. Tamén debemos conseguir que tanto os docentes como as familias traballen xuntos, imprescindible para favorecer a igualdade de xénero tanto na escola como na sociedade en xeral, que os centros e as familias camiñen da man dende o diálogo e o traballo, cun obxectivo común: a igualdade entre homes e mulleres na escola, que é tamén a base para conseguir a igualdade en todos os ámbitos da sociedade.
Para iso dende as ANPAS debemos esixir que dende a Administración se poñan os medios necesarios para que se cumpra o que recolle a norma, segundo o artigo 126.2 da LOE, que di: ·”Unha vez constituído o Consello Escolar do centro, este designará unha persoa que impulse medidas educativas que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres “.
Estas son algunhas das funcións que podería ter esa persoa:
- Velar porque no centro exista igualdade real entre mulleres e homes.
- Impulsar medidas educativas que fomenten a igualdade real entre mulleres e homes.
- Dinamizar medidas que favorezan a igualdade real entre mulleres e homes.
- Establecer a coeducación como proposta pedagóxica do centro.
Este artigo da LOE ten presente a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A FAPACEL reivindica que non só se debe nomear esa persoa porque o mande a norma, senón que debe estar formada de xeito transversal como educador social e no ámbito psicolóxico e pedagóxico.
A parte do nomeamento obrigatorio desta persoa que vela pola igualdade real, é moi importante coñecer a existencia doutra figura importante que debe estar implantada e que integra a toda a comunidade educativa: a chamada comisión de convivencia e constituída dende os Consellos Escolares de cada centro educativo; estará formada por representantes do alumnado, do profesorado, das familias e do persoal de administración e servizos do centro, e unha das súas funcións é a de impulsar accións dirixidas á promoción da convivencia, especialmente para o fomento de actitudes que garantan a igualdade entre homes e mulleres, e a igualdade de trato de todos os membros da comunidade educativa.
Esa comisión de convivencia debe reportar o seu traballo no Consello Escolar polo menos dúas veces ao longo do curso, para que todos os seus membros coñezan os problemas, as actuacións desenroladas e as medidas de corrección propostas.
A ANPA e a persoa que a representa no Consello Escolar deben ser coñecedores tamén da programación xeral anual do centro e do plan de convivencia, e os obxectivos relativos ao fomento da igualdade entre homes e mulleres, actuacións preventivas de posibles situacións de violencia de xénero e que plans, accións formativas ou programas se levan a cabo por parte do centro; e reportar aos socios de toda esa información para que as familias podan traballar xunto co centro no fomento desa igualdade efectiva e real tan necesaria, facilitando esa información, concienciando e promovendo accións de mellora.
Educando hoxe con e para a igualdade darémoslle aos nosos fillos as ferramentas sociais para ter unha sociedade máis xusta entre iguais, conseguindo logros que se trasladarán transversalmente a todos os sectores da sociedade: tolerancia cero á violencia, igualdade salarial, dereitos para integración social e laboral, respecto pola diversidade e solidariedade. Debemos ser críticos e denunciantes das inxustizas dende a Escola Pública. Loitar por a igualdade entre homes e mulleres, non so é unha obriga de xustiza, senón que á vez revirte nun pensamento global que suma en positivo para o comportamento da sociedade .
FAPACEL reivindica que dende a Administración se vele porque se cumpran os mecanismos xa aprobados por norma, investindo en persoal e medios que permitan levar a cabo todas as iniciativas que traballen, impulsen e teñan como obxectivo a igualdade real entre homes e mulleres dende estás dúas figuras que xa hai nos centros: o nomeamento dunha persoa que impulse medidas educativas que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres e a comisión de convivencia. Ámbolos son mecanismos recoñecidos que cos recursos necesarios teñen un gran campo de traballo e a capacidade de chegar a toda a comunidade educativa.