O DEREITO "CONSTITUCIONAL" A ELECCION DE CENTRO

https://www.anpasgalegas.gal/wp-content/uploads/2019/11/colexio-3-640x36... 640w" style="margin: 0px; padding: 0px; font: inherit; vertical-align: baseline; max-width: 100%; height: auto; display: inline;" />

Pero, realmente existe ese “dereito” á libre elección de centro -dende o punto de vista “relixioso”-  derivado desoutro “dereito” á formación moral acorde ás conviccións das familias”? Rotundamente NON.

A Constitución española de 1978 (convén pór sempre a data para visualizar que xa pasaron 41 anos daquela), consagrou no seu artigo 27.3 que “os poderes públicos garantirán o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”, e con esa breve expresión abriu un debate que continúa coleando dun xeito interesado.

Por cuestión ideolóxicas, espirituais ou transcendentes? Non, en absoluto, continúa vivo por cuestións económicas, que sempre foron as máis perdurábeis e guerreiras.

Dese enunciado, que hai que ler en clave de 1978: un pais aínda non saído legalmente da ditadura franquista, coa práctica totalidade do sector educativo privado en mans da igrexa católica, dunha igrexa que ademais levaba décadas impoñendo un poder case absoluto nos costumes e na moral sociais; nese país a redacción do artigo 27.3 é unha redacción avanzada, porque garante que aquelas familias que non teñan unha convicción católica pasen/pasemos a ter o dereito a seren respectados na formación espiritual das nosas fillas e fillos; a partires desa norma, moita xente puido, por fin, educar ás súas crianzas fóra daquela moral, e daqueles principios que non eran os seus. Benvida foi aquela liberdade, e aqueles aires novos.

De todas maneiras, aínda que poidamos entender como plausíbel o que daquela se fixo, o desenvolvemento posterior demostrou claramente quen tiña de certo a tixola polo mango, sucedeuse a normativa, as concesións, os protocolos, e o tratamento especial á igrexa católica. O Estado español -ou sexa, fiscalmente falando, todas nós- comezamos a pór cartos enriba da mesa para entregarllos a esa confesión ideolóxica, e pouco a pouco déuselle a volta ao guiso: resulta agora que o tal artigo o que defende -pretenden- é o dereito da propia Igrexa Católica a ter un trato de preferenza, e ese “dereito dos pais á formación relixiosa que queiran” estase a converter no “dereito da igrexa católica a que todas nós paguemos a un docente que eles designen para que adoutrine ás nenas e nenos que escollan formarse nesa ideoloxía relixiosa”. Estámosche ben !!

Que nos indica a realidade? Que o tempo é teimudo. As nenas e nenos foron pouco a pouco baleirando as aulas da materia de relixión católica; a propia conferencia episcopal -para non usar datos que poidan ser chamados interesados por opinións contrarias- indícanos cal é a realidade educativa española e cóntanos que no curso 2018-2019 practicamente o 50 % do alumnado dos centros públicos non está inscrito na materia de relixión, porcentaxe que aumenta segundo vai medrando a mocidade ata chegar a un 62,5 % en bacharelato (e iso que coa LOMCE hai moita matrícula interesada pola nota que fai media). E esas porcentaxes van constantemente incrementándose dende que existen datos: pouco a pouco a relixión vai abandonando as aulas. Lóxico e previsíbel.

Pero, realmente existe ese “dereito” á libre elección de centro -dende o punto de vista “relixioso”-  derivado desoutro “dereito” á formación moral acorde ás conviccións das familias”? Rotundamente NON.

Imos poñer un exemplo calquera, o do artigo 19 por caso: “os españois teñen dereito a elixir libremente a súa residencia e a circular polo territorio nacional”, iso quere dicir que o estado ten que poñer ao noso dispor, dun xeito gratuíto, un medio de transporte no que poidamos chegar a calquera punto do territorio?

Hai alguén que pense que esta pode ser a interpretación deste artigo ? Ou simplemente está dicindo que temos dereito a estar onde queiramos dentro do territorio español, pero que para chegar aí teremos que facelo cos nosos propios medios ? Dito doutro xeito: temos dereito a viaxar ou a que nos paguen o billete? Será o primeiro, nonsí ? Porque son os dereitos fundamentais e as liberdades públicas as que se consagran nesta sección onde tamén está o famoso artigo 27, non son prebendas económicas.

Entón, se ninguén reclama que lle paguen o billete de autobús alegando a súa liberdade de movemento, por que pretendemos que nos pague o Estado o exercicio práctico do noso dereito a formar ideoloxicamente ás nosas crianzas de acordo coas nosas conviccións persoais?

Pois porque, como en 1978, a igrexa católica continúa a ter un enorme poder económico no sector educativo, pensemos que aquel dato do 50 % de inscritos no ensino público na materia de relixión católica, elévase até o 90 % no sector do ensino privado concertado -o que pagamos todas pero gobernan unhas poucas-  e que o negocio da educación privada continúa moi ligado a unha ideoloxía, ou unha espiritualidade, moi concreta.

E cal é o interese específico dese ensino concertado ? Sen dúbida: que sexa o diñeiro de todas quen pague a factura, porque así manterán un nivel de clientela que non terían de ser sinxelamente ensino privado. Nin máis nin menos.

E nós, familias do Ensino Público Galego, o único que é de todas e para todas, que pensamos ?

Pois que a liberdade de elección que a Constitución consagra hai que entendela dentro do dereito persoal a tomar decisións, non dentro da obriga institucional de ofrecer alternativas, e que a relixión, todas as relixións, teñen que saír das escolas e dos currículos educativos. E quen queira educar ás súas crianzas nunha concreta ideoloxía, que é lícita como en principio deben considerarse todas, terá que facelo dentro do seu ámbito privado, nas súas horas privadas, e co seu esforzo privado, porque o público debe ser sempre ofertado dun xeito uniforme a todas as persoas que poidan servirse del, sen utilizar posicións de privilexio de ningunha ideoloxía, relixión, corrente de pensamento ou posicionamento político. Será a única maneira de que as xeracións do futuro medren en auténtica liberdade.

Por un Ensino Público libre de todas as relixións nas escolas, e por unha escola realmente laica no respecto a todas as que formamos parte dela. E, xa que estamos, pola desaparición do ensino concertado, non só non é necesario senón que supón un desequilibrio da equidade e da neutralidade do sistema educativo.