ONDE ESTA A CONSELLERIA DE EDUCACION?

As familias estamos confinadas nas casas, seguindo o criterio que nos marcan as autoridades sanitarias, que son as que rexen neste momento a vida civil, entendemos que é lóxico e aceptámolo sen reservas.

 

Ninguén pode pretender neste momento que haxa un futuro definido, é absurdo pensar se as ABAU van ser en xullo ou setembro, se o curso se vai prolongar ou comezará antes o próximo, se haberá segunda avaliación ou se vai ficar refundida coa terceira, se hai terceira; todo isto está no aire, porque é secundario diante da emerxencia sanitaria, novamente entendémolo e aceptámolo

 

Pero dentro das casas si que hai vida, hai organización, hai vida académica, hai un tempo que ten que pasar, e pensamos tamén nun futuro que hai que preparar; que a actividade pare non quere dicir que a vida pare; cando volvamos á vida cotián non vai ser 13 de marzo outra vez, será a data que cadre, cando se poida, pero as nosas nenas e nenos terán que continuar, e para iso traballamos

 

. O problema está en como traballamos, e aí é onde vemos que tipo de consellaría de educación temos: xa non abondou co desastre de xestión que fixeron previamente á suspensión das clases, sen dar instrucións, sen facerse cargo de ningún problema, permitindo ao noso estudantado marchar de excursión coa pandemia xa declarada, sen garantir as mínimas medidas hixiénicas nos centros escolares, sen dar ningún tipo de acubillo ás direccións dos centros…

 

Pero todo iso é pasado. O importante é o que estamos vivindo agora, vivimos un Ensino Público Galego absolutamente falto de modernidade, un profesorado cunha maioritaria vontade de traballar pero sen medios ao seu alcance, unha consellaría que nos gasta a broma de publicar este luns pasado unha “guía rápida para o uso da aula virtual dun centro educativo”, e logo antes onde estaban ? , en que estaban traballando ?

 

E, por suposto, todo absolutamente descontrolado, sen homoxeneidade dentro do territorio galego, producíndose novamente unha vaga de desigualdade non atendida; hai nenas e nenos ás que lles cadrou ter un profesorado actualizado, e unha infraestrutura informática acaída nas súas casas, esas aínda reciben algo de axuda neste confinamento, pero as que non teñen esa infraestrutura -que nunca foi obrigatoria- , ou as que teñen profesorado que non é quen de prestarlles esa axuda, porque non sabe, non pode, ou -nos mínimos casos- non quere, están totalmente abandonadas. Coma sempre por outra parte.

 

Neste momento, temos alumnado saturado de tarefas e outro que non ten nada que facer; hai alumnado que é quen de facer o que se lles indica, e outro que non ten na casa quen poida axudalo a solucionar as súas tarefas; claramente hai unha falta de instrucións concretas da consellaría e o profesorado está facendo o que pode diante dunha situación descoñecida; pero o profesorado -a quen agradecemos publicamente todo o que  está a facer, a súa implicación e o seu maioritario compromiso- tamén está vivindo unha situación nova e difícil e ten que ter unhas pautas polas que se guiar, pautas que ninguén está dando.

 

Isto non podía preverse, certamente, pero estamos vivindo, ademais do problema sanitario, as consecuencias de termos un ensino non inclusivo, con enormes diferenzas no territorio e no soporte socio-económico familiar, un ensino abandonado á súa autorregulación constante, no que os profesionais teñen a formación que queren ter, as direccións seguen os criterios que consideran, e a consellaría resposta a todo co seu mantra cotián da “autonomía dos centros escolares” , e, por riba de todo, temos o Ensino Público que responde a unha política de anos de recortes, de recortes económicos, infraestruturais, de persoal, de recursos, e - desgraciadamente- de dirección e xestión

 

. Cando isto pase, teremos moito que dicir sobre esta consellaría e o seu modelo excluínte e trasnoitado, moito.

 

Fernando Lacaci Batres Presidente da Confederación ANPAS GALEGAS