FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
ESCRITO A CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL SOBRE APERTURA DE CENTROS DE 0-3 ANOS
Prezada Conselleira de Política Social,
Dende a Confederación Anpas Galegas dirixímonos a vostede para transmitirlle a preocupación das familias de nenos e nenas de 0 a 3 anos usuarias das escolas infantís que xestiona esa consellaría.
Logo de dous meses de confinamento, as escolas infantís son imprescindíbeis para a educación afectiva das nosas nenas e nenos, precisan estar cos seus iguais e artellar os seus xogos e actividades dun xeito grupal, que os devolva á vida ordinaria, e que lles acompañe no seu proceso de socialización. Tamén as familias precisamos desa normalización da vida colectiva. E non por razóns de conciliación, que nunca deberán ser resoltas ocupando ás nenas e nenos, senón liberando o tempo das súas nais e pais, senón polo único ben das propias crianzas.
Porén, a volta ás escolas non pode ser a calquera prezo, por diante de toda consideración está a da saúde das nosas nenas e nenos, e tamén a das adultas que convivimos con elas. A día de hoxe non temos coñecemento de que saíra ningún tipo de instrución sobre como vai ser a incorporación destes centros á segunda fase da desescalada, e preocúpanos enormemente como se van manter as distancias e os protocolos de seguridade cando estamos a falar de nenos-as de cero a tres anos.
As familias precisan coñecer, poñendo sempre por diante a seguridade sanitaria das nosas fillas e fillos, como se vai modificar o calendario ata este verán, máis aínda cando en situación ordinaria estas escolas estarían abertas até o mes de xullo; máis tamén a situación administrativa que temos por diante, xa que por mor da declaración do estado de alarma interrompéronse os procedementos e non puideron realizarse as pre-inscricións nestes centros; polo que a día de hoxe as familias dos nenos que deberían entrar en setembro aínda non saben se terán as prazas que precisan para a normalización da súa vida familiar.
Polo tanto, solicitamos:
• Que axilicen ,na medida do posíbel, os prazos de inscrición e matrícula nestas escolas.
• Que determinen a data exacta na que os nenos poderán regresar a elas no que queda de curso.
• Que detallen, para a tranquilidade das familias, as condicións para que esa volta á normalidade sexa totalmente segura.
Agardamos a súa resposta.
Reciba un cordial saúdo.
Compostela, na data da sinatura dixital deste escrito.
Fernando Lacaci Batres
Presidente da Confederación ANPAS GALEGAS