RESUMO DA XUNTANZA DO DIA 13 DE MAIO COA CONSELLEIRA DE EDUCACION

Reunión coa consellaría de educación. 13 de maio de 2020
A consellaría de educación convocounos desta volta ás ANPA e sindicatos para falar, con carácter previo
á conferencia sectorial de Educación que terá lugar mañá, e nós imaxinamos que a razón da reunión
sería, ou ben debater con nós cal habería de ser a postura galega nesta conferencia; ou ben, polo
menos, para dicirnos cal sería a postura do goberno galego que a conselleira transmitiría mañá.
Pero sorprendentemente non foi nin para unha cousa nin para a outra, a reunión limitouse, por parte da
conselleira, a dicirnos que os Ministerios de Educación e Sanidade non estaban coordinados, que a información
que se tiña ata o de agora en relación a este curso era a intencionalidade de retornar as clases
o 25 de maio para o alumnado de infantil, e algúns cursos de final de etapa; e que en canto ao curso
que ven só tiña información a través da prensa que falaba de posíbeis quendas e mesturar de ensino
presencial e a distancia.
Logo falamos as entidades convocadas, en quenda pechada de cinco minutos por entidade, e o discurso
foi case unánime: nas condicións existentes non podemos volver ás aulas o 25 de maio, e moito
menos as crianzas de infantil; e para volver a principios do curso próximo aínda hai moito que
traballar e organizar para que se poida facer nas condicións sanitarias que cómpre ter para garantir
a seguridade do alumnado, o profesorado, o resto do persoal presente nos centros educativos e,
indirectamente, o resto da sociedade que recollerá o retorno de todas as persoas que poderían estar presentes
nun centro escolar. Si aceptamos a posibilidade de que o alumnado de 2BAC poida volver temporalmente
ás aulas, pero logo de deseñar un serio protocolo de actuación, con todas as garantías
posíbeis, e atendendo á maior madurez dese alumnado, que non é comparábel coas crianzas menores
de 6 anos.
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS fixemos fincapé en que o alumnado non podía volver a
clases por motivos económicos, nin por intereses laborais; que conciliar non é organizar recipientes
onde gardar aos nenos e nenas mentres os seus pais e nais traballan; conciliar é artellar medidas laborais,
e dotalas de certeza orzamentaria, para que sexamos as nais e pais quen poidamos atender ás nosas
crianzas na casa mentres non é aconsellábel que volvan aos centros escolares. O labor da escola é
educativo, non asistencial, e así como non negamos a indiscutíbel utilidade dupla que poida ter en tempos
ordinarios, non imos aceptar cambiar a súa orientación por motivos que non lle cómpren.
En canto ao curso que ven, subscribimos as opinións do resto das entidades presentes, en canto á necesidade
dunha seguridade sanitaria, pero incidimos especialmente na presencialidade nas aulas, en que
isto que estamos vivindo agora mesmo non pode recibir o nome de formación telemática, e que en consecuencia
negabamos absolutamente a posibilidade de combinar o que se está facendo agora cunha formación
presencial por quendas. Ten que ser a consellaría quen garanta a igualdade para todo o alumnado,
e terá que buscar o xeito de que esa garantía sexa efectiva en clases iguais para todas e en currículos
adaptados á realidade posíbel que teñan que vivir.

Moitas das presentes fixemos tamén fincapé nas incoherencias da propia consellaría á hora de ditar
unhas instrucións para este trimestre, e logo difundir informalmente outro documento que as contradicía
parcialmente, e practicamente todas indicamos que as devanditas instrucións non eran claras e estaban
a permitir interpretacións diversas e potencialmente discriminatorias para o alumnado.
O Director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa contestou ao final da xuntanza que o documento
interno só pretendía aclarar, con terminoloxía menos xurídica, o mesmo que a instrución dicía,
pero que non cabía outra interpretación máis que a de que o trimestre presente é de reforzo, recuperación
e repaso, sen que ningún alumno-a poida resultar prexudicado polo traballo feito neste trimestre
non presencial; e sen que caiban grupos segregados nin traballos que non impliquen a todo o alumnado
da aula.
Ao final da reunión, nunha nova intervención da conselleira, e logo de que repetir varias veces que a
responsabilidade de non termos protocolos sanitarios, e de non saber que facer, estaba totalmente do
lado dos ministerios de sanidade e educación, dixo que a súa mensaxe iría na liña de que os centros
educativos teñen esa función, e non poden abrirse e pecharse en función das necesidades laborais das
familias; pero que, por outra parte, non tiñan pensado tomar ningunha decisión se non había un protocolo
específico para o sistema educativo por parte da administración sanitaria estatal.
En resumo, non sabemos moi ben para que temos unha consellaría de educación, porque en todo
momento se situaron como dependentes xerarquicamente do ministerio; mesmo semellaba un discurso
cómodo, de agarda ao que lles manden, sen maiores pretensións.
E dende esta Confederación preguntamos: e non deberiamos termos un goberno autonómico que defenda
á nosa xente, aínda no caso de que as autoridades estatais non responderan axeitadamente? , non
sería lóxico pensar que deberiamos ter unha postura definida, unha proposta rotunda e propia, un plan
de traballo en calquera circunstancia ?.
Que non fagan experimentos coas nosas nenas e nenos, e que deixen o curso, como sempre dixemos,
rematado o 12 de marzo. E que nos convoquen para acordar decisións consensuadas e debatidas, non
só para informarnos, que temos moito que dicir.
Fernando Lacaci Batres – 610 616 968
Presidente
Isabel Calvete Carrera – 600 699 293
Vicepresidenta.