DIÑEIRO QUE A CONSELLERIA A CONCERTADA

 
 
O partido popular, que está gobernando actualmente na Xunta de Galicia, pide que as comunidades autónomas
poidan destinar tamén aos centros educativos privados concertados, parte do diñeiro que o goberno
do Estado repartirá entre todas as CCAA para financiar intereses en educación no próximo curso
2020-2021.
O Ensino concertado é unha anomalía do sistema educativo español, que permite que parte dos fondos
públicos, os que recadamos cos impostos de todas, estea financiando centros educativos privados; coa
xustificación, e levamos corenta anos coa mesma, de que non existen prazas públicas abondas como
para asegurar o dereito universal á escolarización obrigatoria. Durante estes corenta anos non se avanzou
nada na edificación deses outros centros necesarios, para que así puideramos ir abandonando a
concertación de prazas públicas; máis ben ao contrario, pretendeuse sistematicamente darlle carta de
natureza a ese recurso atribuíndolle conexións co dereito das familias á libre elección de centros, dereito
que o noso Tribunal constitucional negou hai moitos anos moi rotundamente: “o dereito á educación
non comprende o dereito á gratuidade educativa en calquera centros privados, polo que os recursos
públicos non teñen porque acudir, incondicionalmente, onde vaian as preferencias individuais” (sentenza
86/1985 do 10 de xullo).
Pero os centros educativos privados, un gran negocio en mans moi antigas, continúan recibindo enormes
subvencións de diñeiro público, subvencións que mercan prazas innecesarias, porque hai prazas
públicas baleiras a escasos metros, ou a tiro de pedra dunha correcta zonificación escolar; que permiten
a selección discreta e directa do alumnado, que posibilitan centros nos que se ataca á diversidade ideolóxica,
que favorecen a separación por razón de xénero, ou que simultanean o cobramento ás familias
usuarias de diversas contías que contradín o mandado constitucional de que o ensino obrigatorio sexa
gratuíto.
O Ensino privado está dentro da lóxica constitucional vixente. É lícito que alguén poida pagar o que
decida para mercar unha educación de elite para as súas fillas ou fillos, cousa diferente é o que acabe
conseguindo, pero ese non é o noso problema; pero a concertación de prazas públicas é unha manipulación
discriminatoria do sistema, porque o único camiño para o cumprimento do dereito cheo á educación
que establece o artigo 27 da constitución é a formación dunha estrutura pública que garanta iguais
recursos, os mellores, igual acceso, e igual tratamento a todas as persoas, independentemente da súa
circunstancia e, sobre todo, do custe que supoña a súa atención, e esa igualdade só está garantida no
Ensino Público.
Estamos a vivir aínda as consecuencias de termos uns centros de ensino públicos mal dotados de infraestrutura
tecnolóxica, de que a meirande parte do noso alumnado rural (ese que habita onde non hai
ensino privado concertado porque non é negocio) tivese serios problemas de conexión co seu profesorado
porque non hai redes accesíbeis, de que non houbera recursos para a atención ás necesidades específicas
de apoio educativo (esas que están maioritariamente traballadas no ensino público, sobre todo
cando o mantemento das súas prazas implican un gran custe económico e dotacional), e de que as familias
tiveramos que complementar, outra vez, coma sempre, todas as eivas dun sistema que o que necesita
é un forte investimento económico. E aínda agora, que imos repartir unhas escasas migallas,
aparece un partido que reclama facer negocio con elas, que reclama retirar fondos do público para o
negocio privado.
 
Por iso REXEITAMOS o uso de fondos públicos, máis aínda dos que se poidan conseguir neste
momento, para ningún outro fin que non sexa o mantemento e a mellora das dotacións públicas do ensino
en Galicia. Máis aínda, esiximos que ese diñeiro vaia integramente destinado a asegurar que todo
o alumnado galego reciba a atención que precisa, coa conectividade, os medios tecnolóxicos, a adaptación
de materiais e a compañía emocional que lle foi furtada logo de décadas de recortes e desgoberno
educativo.