ESIXIMOS UN PLAN ESPECIFICO PARA O RURAL

Na Confederación Anpas Galegas estamos preocupadas pola situación de incerteza que se deriva da falla de datos sobre a organización do curso que ven, e preocúpanos moi especialmente todo o que se refire aos centros educativos rurais, sobre todo nos que xa viñan dunha situación precaria .

En moitos colexios do rural, unha parte do profesorado é compartido ou está exercendo o seu labor de forma provisional. Nos centros con pouco alumnado a práctica común é a concentración de clases nunha soa aula, pero isto ten uns límites lóxicos e esa concentración non debe basearse só na cantidade de alumnado friamente considerada, senón tamén na idade, e na consideración das diferentes circunstancias individuais. Doutra forma non se podería garantir a calidade á que teñen dereito.

Non podemos obviar que o curso que ven semella complicado, tanto pola incerteza de como vai evolucionar a pandemia como pola dificultade que vai supor para o alumnado afrontar un curso sobrecargado cos contidos do último trimestre do curso actual; situación que se agrava pola desorganización na interpretación das instrucións da Consellería á hora de promocionar e avaliar este curso.

Aínda que nas aldeas rurais galegas o confinamento sufriuse doutro xeito moi diferente ao mundo urbano, as nenas e nenos dos colexios do rural tamén o padeceron na súa crueza, quizais con menos restricións ambientais pero seguramente con máis soidade, porque tamén é certo que moitos deles están sos na súa contorna e isto supón que estarán seis meses polo menos sen ver os seus compañeiros. Non podemos esquecer que o colexio rural ten unha importante labor socializadora que agora perdeu por un prazo demasiado longo, nin podemos deixar de ter plans específicos que normalicen esta circunstancia.

Por outra banda, as dificultades á hora de afrontar academicamente este último trimestre no ensino “on line” foron moito maiores para este alumnado, porque compartiron co alumnado urbano as mesmas dificultades derivadas da falla de formación, pero no rural houbo que lle engadir a deficiencia na cobertura da internet, a falla de material tecnolóxico, a indispoñibilidade das familias, que maioritariamente tiveron que manter os seus tempos de traballo, e a enorme diferenza entre o traballo presencial ao que estaban acostumados, de gran interacción directa co profesorado, cun traballo a distancia que resultou especialmente descoñecido na súa práctica.

Para nós, é fundamental para o rural galego manter os centros educativos abertos e con todos os medios materiais e humanos dispoñíbeis, para garantir, máis agora ca nunca, a calidade do ensino-

Por todo o anteriormente exposto, solicitamos que se traballe a longo prazo na elaboración consensuada dun Plan específico para o rural; pero tamén, que agora, neste momento, se garanta:

A mantenza de todos os servizos como base fundamental para un rural vivo.

O aseguramento de todas as dotacións docentes nos colexios do rural para o próximo curso.

Unha discriminación positiva cara o rural polas súas características intrínsecas .

A garantía do funcionamento óptimo da cobertura dixital así coma a formación nas competencias dixitais de toda a comunidade educativa no rural.