FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
HISTORIAS DE PROTOCOLO DE VOLTA Ó COLE. DISTANCIA
Canto é 1,5 metros entre dúas persoas? digámoslle seriamente a unha nena-o de primaria: "sepárate 1,5 metros do resto da xente que te arrodea, logo na aula xa só ten que ser un metro, agás de que a aula sexa de ximnasia que volve a ser metro e medio, e no autobús non te preocupes que só tes que sentar onde che cadre e podes xuntarte con quen queiras. Ah, no comedor e nas aulas tes que mirar para adiante sempre, nin aos lados nin atrás, nos corredores mira para onde queiras, e no autobús, por suposto, tanto ten como te poñas e como te movas". Non fai falta poñernos na pel da crianza, pensádeo en vós mesmas: agora un metro, agora metro e medio, agora dá o mesmo, agora miro para adiante, agora pégome ao que teño ao carón, agora miro para onde quero. É duro e difícil, non si?, pois aí pretenden que estean as nosas fillas e fillos todos os días.
E logo non sería mellor unha instrución simple e clara: traballemos o que é metro e medio, e manteñamos sempre esa distancia, e xa está.
Ah, pero é caro!, xa, porque temos aulas que son moito máis pequenas que os despachos de quen as deseña, quizais o problema non estea entón nas ocupantes das aulas senón en que ocupa os despachos.