FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
MANIFESTO DA CONFEDERACION ANPAS GALEGAS SOBRE O INICIO DO CURSO 2020-2021
MANIFESTO DA CONFEDERACION ANPAS GALEGAS SOBRE O INICIO DO CURSO 2020-2021
As familias galegas estamos fondamente preocupadas pola situación sanitaria, asistencial e educativa que se
presenta a partir do inicio do vindeiro curso académico 2020-2021.
É un clamor a preocupación das nais e pais galegas diante dun próximo futuro que se albisca incerto, inestábel,
inseguro, mal organizado e enormemente perigoso para as nosas fillas e fillos, e por extensión para toda a
sociedade galega coa que eles se relacionen, que é practicamente a totalidade da mesma, dada a total
permeabilidade que o estudantado ten con toda a sociedade .
Os riscos vindeiros son moitos, pero o maior é a falta de coherencia da consellaría de educación da Xunta de
Galicia, a súa total falta de liderado estruturado e confiábel, e a sensación que ten a cidadanía galega de que
as nosas fillas e fillos son “persoal de segunda” con quen non hai que cumprir máis normativa que aquela que
garanta non ter que gastar máis diñeiro na súa seguridade e educación.
As crianzas son o futuro, a súa educación é o mellor que pode facer unha sociedade por si propia, e nós, neste
momento, esiximos o máximo esforzo no seu coidado, atención e defensa, sen escusas, sen recortes, sen máis
límites que os que marquen as posibilidades reais levadas ao máximo do seu rendemento.
Por iso, elaboramos este manifesto de mínimos, coa intención de asegurar publicamente que non hai ningún
argumento que non esteamos dispostas a discutir, ningunha obriga formal que non esteamos dispostas a
rexeitar, ningunha decisión administrativa que poida servir de atranco, cando o que nos move é a saúde, a
seguridade, o futuro e a vida das nosas fillas e fillos.
E por iso, dicimos que queremos unha volta presencial ás aulas, porque pensamos que é o mellor para o
alumnado galego, pola súa saúde emocional, a súa calidade educativa, e tamén porque é o que garante a
posibilidade dun tratamento en igualdade e atención real á diversidade; pero non estamos dispostas a
aceptala en calquera condicións, somos as responsábeis últimas da saúde e a formación das nosas fillas e fillos,
e estamos dispostas a exercer esa responsabilidade de cheo até onde sexa necesario. Por iso, demandamos da
consellaría de educación que garanta esa seguridade innegociábel; e en concreto:
En canto á asistencia aos centros de ensino:
1. Queremos unha volta presencial ás aulas, porque:
a. O completo desenvolvemento social, afectivo, emocional e intelectual do alumnado só é posíbel na
interrelación directa e presencial entre iguais, co seu profesorado e a súa contorna.
b. Sabemos que a presencialidade é a garante única dun tratamento en equidade.
c. Sabemos que só dentro dun centro escolar é posíbel o traballo en igualdade.
d. Sabemos que a atención á diversidade só é realmente certa no contexto dun centro escolar.
e. Vivimos o terceiro trimestre do curso 2019-2020, e afirmamos que os seus resultados indican a falta de
preparación do sistema educativo para a formación en liña, situación que permanece practicamente inalterábel
neste momento.
2. Porén, queremos que as familias do alumnado en situación directa de risco sanitario obxectivo, ou que conviva no
mesmo fogar con persoas nese risco, teñan a posibilidade de optar pola non asistencia ordinaria ás aulas, en tanto
permaneza ese risco; e que teñan a atención a distancia que xa debera ter todo o alumnado galego en situación de
enfermidade. Este é o momento de lembrar a necesidade de termos un auténtico servizo de educación domiciliaria,
que – tal e como dixemos en moitas ocasións- debera ser a canle ordinaria de atención ao alumnado que por razón
de enfermidade non poida asistir ás clases ordinarias. Agora podemos comprobar até que punto ter feito un traballo
efectivo nese dereito podería ser aproveitado para normalizar a atención en liña do alumnado..
3. Queremos que as ANPA estean presentes en todos os grupos de traballo e reunións que se realicen para adaptar os
centros escolares á realidade derivada da COVID-19.Para garantir a voz das familias nesas reunións e grupos de
traballo, demandamos así mesmo que nos centros de secundaria e bacharelato estea presente tamén o alumnado.
4. Queremos que os plans COVID de cada centro escolar sexan validados polas autoridades sanitarias e educativas
expresamente, responsabilizándose así dos mesmos e liberando desa responsabilidade ao persoal docente e ás
ANPA, que non teñen, nin por capacitación nin por profesionalidade, a obriga de enfrontar as consecuencias que
poidan xurdir da súa redacción insuficiente. En concreto demandamos que eses plans de actuación conteñan:
a. Un protocolo sanitario específico para cada centro escolar, identificando os factores de risco, as situacións de
excepcións, os itinerarios internos, o dimensionamento dos centros e a ocupación do alumnado, e os concretos
recursos que están ao dispor dese centro educativo.
b. Un protocolo específico para cada centro escolar para a realización das actividades complementares e
extraescolares, incluíndo nelas a recepción en entrega do alumnado transportado, a organización da limpeza en
horario non lectivo, a permanencia e/ou superación dos posíbeis grupos burbulla que se organicen no centro
escolar, e calquera outra circunstancia que afecte a estas actividades.
c. Un protocolo de información ás familias, definindo claramente cales son as canles de comunicación e as
ferramentas tecnolóxicas que deban empregarse, e asegurando a constancia de recepción desa información.
Información que debe conter, en tempo real, a situación organizativa do centro escolar, as novidades de índole
sanitaria que poidan producirse e as modificación de contido académico e educativo que afecten ao alumnado en
xeral e ao particular de cada familia afectada.
En canto á organización hixiénico-sanitaria dos centros de ensino, queremos:
1. Que se respecte en todo momento, en calquera circunstancia, unha distancia mínima de seguridade
de 1,5 metros entre calquera persoa, alumnado, profesorado e persoal non docente, que asista a un
centro escolar, durante todas as actividades e en todas as situacións da xornada lectiva ordinaria.
Somos sabedoras de que iso ten consecuencias, e por iso esiximos directamente:
a. Máis aulas dispoñíbeis.
b. O profesorado, tanto titular de aula como de apoio, necesario para a atención desas aulas.
c. Máis espazos dispoñíbeis para as actividades complementarias, nomeadamente madrugadores e
comedores escolares.
d. Máis dotación de autobuses e horarios e liñas de transporte.
e. Contemplar a posibilidade de facer quendas, modificacións de horario lectiva ou redistribución de
alumnado en centros infrautilizados, como unha medida para diminuír a masificación de alumnado
nos centros escolares
2. Que se dote, con vocación de permanencia, a figura da enfermería de centro, unha profesional que
teña a capacidade para coordinar os aspectos sanitarios do centro escolar, de especial relevancia neste
momento. E que se dote a esta figura con todos os medios que precisa para desenvolver o seu labor.
3. Que toda a limpeza do centro escolar sexa realizada por persoal profesional, que en ningún caso sexa
realizada polo propio alumnado, e que a coordinación do seu labor dependa de profesionais da
limpeza e da hixiene.
Como consecuencia dos maiores requirimentos que propicia a a situación actual, isto implica:
a. Máis persoal de limpeza nos centros.
b. Organización interna que facilite o traballo deste persoal durante os movementos do alumnado
do centro.
c. Atención específica aos aseos, comedores, ximnasios, e outros posíbeis lugares onde é esixíbel
unha hixiene especialmente coidada.
4. Que todos os gastos derivados das esixencias sanitarias sexan sufragados pola administración
autonómica. O Ensino ten que ser gratuíto en toda a súa extensión, tanto nos libros de texto como no
resto do material esixíbel; neste momento tamén nas máscaras, xeles –que poden ser de dispensación
automática para evitar o contacto continuado-, panos de man, ou calquera outro material necesario.
Debe ser fornecido polo centro escolar, como parte da utillaxe diaria para o alumnado, e deberá ser
pagado cos orzamentos da comunidade autónoma, non cos xa moi minguadas dotacións dos centros
educativos galegos. Evidentemente a mesma gratuidade reclamámola para o material que necesite o
persoal docente e non docente que traballe no centro escolar.
En canto ás actividades complementares:
Estamos a falar fundamentalmente de servizos de comedor e transporte escolares, para estas actividades,
fundamentais sobre todo no ensino rural, requirimos:
1. Reforzamento do persoal que atende ás persoas usuarias dos servizos, tanto do monitorado dos
comedores, coma das persoas acompañantes nos autobuses escolares.
2. Control sanitario específico do persoal traballador nestes servizos, tanto o persoal de cociña e servizo
ou limpeza dos comedores coma o persoal condutor e acompañante do transporte escolar; nas
mesmas condicións e garantías que as que se lle soliciten ao profesorado.
3. Limpeza e desinfección dos comedores, e instalacións habilitadas con igual finalidade, así como dos
autobuses escolares, antes e despois da súa utilización por cada grupo ou quenda de rapaces-as.
Máis tamén estamos a falar da posíbel ocupación dos espazos en horario non lectivo, nomeadamente as
ANPA, a quen hoxendía se lles está a pedir un protocolo específico, e para as que reclamamos:
a. Unha regulación de ocupación e uso dos centros escolares, con asunción de responsabilidades
por parte da administración educativa sempre que se cumpra aquela regulación, xa que estas
actividades, teñan carácter puntual ou continuo, forman parte da programación normal do
centro escolar.
b. A inclusión das necesidades de limpeza destas actividades dentro do plan de hixiene do centro
escolar.
c. A comunicación de variacións da situación declarada polo alumnado ao principio da xornada
lectiva, ou dos posíbeis cambios que xurdan no desenvolvemento da mesma, sempre que non
haxa solución de continuidade entre as actividades lectivas, complementares e extraescolares.