APOIO A FOL GA DE PROFESORADO DOS VINDEIROS 10 E 16 DE SETEMBRO

As familias galegas do ensino público, representadas polas dúas confederacións de ANPA asinantes deste escrito, queremos dar o noso apoio público á folga para os días 10 e 16 de setembro convocada polas organizacións sindicais seguintes: CCOO, CIG, CSIF e STEG.

Concordamos coas organizacións convocantes na necesidade de dar resposta pública á nefasta xestión que a consellaría de educación está facendo desta crise sanitaria dende o 13 de marzo pasado, e nomeadamente á pretensión de que a volta a clases se realice nas condicións anunciadas nas instrucións do 31 de agosto, que xulgamos non só ineficaces senón mesmo perigosas para a saúde do alumnado, o profesorado e o persoal non docente galego, o que por extensión implican á sociedade no seu conxunto.

Somos decididas defensoras dun Ensino Público de calidade, presencial e seguro, sabemos que a infancia e a mocidade galega precisan retomar a normalidade académica, que vai parella indisolúbel coa súa normalidade emocional e social. Pero precisamente porque defendemos ese ensino para as nosas fillas e fillos, non podemos aceptar un modelo de retorno ás clases que veña condicionado polas dificultades organizativas e económicas que a consellaría de educación está impondo nos centros escolares galegos.

Concretamente:
• Rexeitamos o diferente tratamento que se pretende para o alumnado de primaria e secundaria; e demandamos que o metro e medio de distancia de seguridade se implante para todo o alumnado galego, garantindo así unha seguridade obxectiva que exceda o “erróneo e enganoso concepto de grupo de convivencia estábel” .
O alumnado de primaria non vive só nas aulas, son persoas que antes e despois da estancia nos colexios teñen unha vida e unhas relacións externas a eses grupos de convivencia. Se non baseamos a súa seguridade en criterios obxectivos de distanciamento, estariamos desprotexéndoos e desprotexéndonos indirectamente.
• Por esa mesma razón, esiximos que a distancia de seguridade sexa uniforme en toda a actividade escolar, ben sexan aulas, madrugadores, comedores, transporte ou extraescolares. Independentemente da esixencia de máscaras de protección.
• Rexeitamos que a primeira consecuencia do distanciamento sexa a procura de aulas máis grandes para poder manter os rateos do alumnado. A necesidade sanitaria, pero sobre todo a educativa, recomenda grupos pequenos: as aulas serven, o problema é a cantidade de alumnado que hai no seu interior. Precisamos máis aulas, e máis docentes. Están aí as dotacións municipais e autonómicas baleiras en horarios lectivos, que se utilicen. E deamos de paso o salto a aulas máis equilibradas e asumíbeis, con rateos máis baixos e cunha menor proporción de alumnado por docente.
• Precisamos moito máis persoal de limpeza nos centros de ensino galegos; non pode facerse un esforzo suplementar nestes tempos se non incrementamos o número de horas dos efectivos de limpeza nos centros, é precisa unha maior presenza, e tamén unha maior fondura na hixiene dos espazos utilizados polo alumnado. É preciso tamén que sexa persoal profesional quen se encargue de todas as limpezas necesarias. Rexeitamos que alumnado e profesorado se encarguen deste traballo, sequera minimamente. Non é a súa función, nin teñen os coñecementos nin a formación necesaria.
• Esiximos un plan específico de tratamento das necesidades especiais de apoio educativo. As persoas que precisan eses apoios están agora mesmo en situación de extremo risco logo de seis meses sen atención específica, situación que debemos corrixir dun xeito prioritario.
• Novamente temos que exixir o cumprimento da legalidade constitucional en canto á gratuidade do ensino obrigatorio, neste caso referido á subministración de todo o material sanitario necesario para o desenvolvemento da actividade lectiva, nomeadamente as máscaras, tanto para o alumnado como para o persoal docente e non docente. Rexeitamos expresamente o establecemento como conducta contraria á convivencia para o esquecemento da máscara por parte do alumnado.
• Esiximos que os centros escolares dispoñan da dotación orzamentaria abonda para que os gastos derivados desta crise sanitaria non se carguen contra os seus xa moi minguados orzamentos. Deben habilitarse partidas especiais para atender a estas necesidades.
• A Xunta de Galiza ten que responsabilizarse de todo o que ocorra nos centros educativos, debe ser quen avale os plans de adaptación, así como os plans de continxencia, e quen deseñe e garanta os anexos protocolarios das actividades complementares que realicen anpas ou concellos. Non cabe supoñer que traballadoras do ensino ou familias voluntarias teñan que facer outra cousa diferente que aplicar a normativa, que debe vir elaborada pola autoridade responsábel, que ten tamén que poñer os medios suplementares necesarios para que estas actividades poidan desenvolverse, adaptándose as novas necesidades sanitarias.
• Sabemos que hai alumnado en situación de risco, ou que conviven con persoas nesa situación. Esas nenas e nenos teñen que poder, cos informes médicos oportunos, non asistir ás aulas mentres dure ese risco. Necesitamos que estea prevista a súa atención domiciliaria en iguais condicións que puidera facilitarse a calquera alumnado enfermo.
• O mesmo criterio queremos aplicar para o profesorado, ou persoal non docente, que se atope nesa situación, persoal ou por convivencia, de risco diante da COVID-19. A administración educativa debe prover os medios para que poidan traballar sen asistir aos centros escolares. Así como debe prever a inmediata substitución de todas as docentes que poidan precisar non asistir a clases en calquera momento do curso escolar.
• Por suposto, a administración da Xunta de Galiza ten que garantir que toda a comunidade educativa vai dispor, en caso de ter que prescindir do ensino presencial, sexa no ámbito que sexa, dos medios técnicos necesarios para manter o contacto coa súa clase de referencia e co traballo en liña. Eses medios teñen que abranguer tanto a tecnoloxía imprescindíbel como as liñas de datos necesarias e a formación necesaria para que calquera familia galega poida participar dun xeito positivo nun posíbel ensino a distancia.
• Por último, pero coa máxima importancia, as familias galegas queremos que a educación estea presente en toda a acción escolar. É certo que temos que atender ás necesidades sanitarias, pero as escolas son escolas diante de todo; ten que ser posíbel a aprendizaxe e a colaboración, ten que garantirse a socialización e a participación. Se é necesario roubar tempo para a hixiene e a seguridade, gañémolo reorganizando currículos, e limitando materias. Se precisamos dar unha especial atención emocional ás nosas nenas e nenos, fagámolo dedicando máis horas á convivencia e menos á memorización de contidos non tan necesarios. Tamén é o momento de repensar o ensino, e o que alí dentro se fai.

O Ensino Público Galego non pode parar por unha crise sanitaria tan duradeira como a que estamos vivindo, terase que readaptar, reorganizar, adquirir outras competencias e deseñar doutro xeito, pero ten que continuar, e ten que facelo favorecendo a presencialidade nas aulas, que é tanto como favorecer a equidade e a inclusión das nenas e nenos galegos.
Pero iso non pode facerse ao prezo da saúde da sociedade, nin da seguridade das súas crianzas. As familias galegas esiximos un ensino público de calidade e seguro para as nosas fillas e fillos, ese é o noso dereito e a nosa demanda.