FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
CAMBIO DE XORNADA CON OCASION DA COVID
Dende a Confederación Anpas Galegas queremos denunciar a situación de indefensión das familias diante da actitude das direccións de varios centros de ensino en todo o territorio galego, co beneplácito das Xefaturas Territoriais de Cultura, Educación e Universidade no que se refire á autorización de cambio de xornada, amparándose na “excepcionalidade” do contexto da COVID-19. Unha vez máis vemos como se intenta excluír as familias da comunidade educativa con calquera escusa, sexa a hipotética imposibilidade de xestionar os comedores organizados erroneamente co voluntariado, ou a cuestionable razón de que se o alumnado está menos tempo no centro escolar, ten menos posibilidades de contaxiarse. En calquera caso todo isto non valida a decisión nin das direccións dos centros nin das Xefaturas Territoriais de Cultura, Educación e Universidade, de incumprir os procedementos contemplados na lexislación, neste caso na “Orde do 29 de maio de 2008 pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá ou mixta nas escolas de educación infantil, colexios de educación infantil e primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e centros privados concertados”, na que se dispón claramente o procedemento a seguir: Primeiro.- Obxecto e ámbito de aplicación. A presente orde regula os requisitos e o procedemento para a autorización nas escolas de educación infantil, colexios de educación infantil e primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e centros privados concertados dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da implantación das seguintes xornadas lectivas: a) en sesión única de mañá b) nunha xornada mixta: posibilitaranse outras xornadas cun mínimo de 2 tardes á semana mantendo un total de 25 horas semanais. Segundo.- Requisitos a) En sesión única de mañá: 1 Acordo do Consello Escolar, por maioría dos tres quintos dos seus membros. 2 Acordo do Claustro de profesores e profesoras, por maioría dos tres quintos dos seus membros. 3 Informe favorable do Servizo de Transportes da Delegación Provincial, conforme ao previsto no epígrafe sétimo da presente orde, cando o centro docente teña trasporte escolar. 4 Acordo favorable do 58% do total do censo das nais, pais ou titores legais do alumnado. Para os efectos de establecer o total do censo computaranse a nai ou o pai ou un dos titores legais do alumnado da etapa na que se pretende cambiar a xornada. 5 Plan específico de actividades extraescolares. b) Nunha xornada mixta: 1 Acordo do Consello Escolar, por maioría dos tres quintos dos seus membros. 2 Acordo do Claustro de profesores e profesoras, por maioría dos tres quintos dos seus membros. 3 Informe favorable do Servizo de Transportes da Delegación Provincial, conforme ao previsto no epígrafe sétimo da presente orde, cando o centro docente teña trasporte escolar. 4 Acordo favorable da maioría absoluta do total do censo das nais, pais ou titores legais do alumnado. Para os efectos de establecer o total do censo computaranse o pai ou a nai ou un dos titores legais do alumnado da etapa na que se pretende cambiar a xornada. 5 Plan específico de actividades extraescolares. Polo tanto, esiximos o cumprimento da normativa no que se refire ao procedemento do cambio de xornada, e a inmediata recuperación das xornadas ordinarias aprobadas en todos os centros educativos galegos que a viran modificada polas circunstancias expresadas neste escrito.