MÁSCARAS PARA UNHAS POUCAS – MARCAXE PARA TODAS

Hoxe temos no DOG unha Orde que regula o procedemento de distribución -gratuíta- de máscaras entre o alumnado de educación primaria, secundaria e educación especial en centros docentes públicos e centros privados concertados. Noraboa á consellaría, levoulle máis de dous meses sacar un Orde obvia, pero sacouna polo menos. Xa é un avance. Imos tentar ser breves na redacción das críticas: - Por que non hai máscaras para o alumnado de infantil ?, porque en moitos centros estánllelas esixindo. E se son voluntarias que avisen para poder exercer esa voluntariedade. - Por que temos que remitirnos, nun contexto de clara crise económica familiar, á situación a 31 de decembro de 2018 ?, é que a consellaría non ten medios abondos como para valorar as circunstancias sobrevidas as que hai que darlle acubillo ? - Por que hai que presentar as solicitudes dun xeito presencial ?, temos pechado case todo o movemento social, e imos promover que as familias entren nos centros para presentar unha documentación que ben podería tramitarse en liña, ou enviándoa por correo electrónico, por poñer un exemplo ? - Como se atreve a consellaría a publicar a listaxe de beneficiarios nun taboleiro de anuncios (que só pode ler o alumnado, porque lembremos que as familias non podemos entrar nos centros escolares, agás de que vaiamos a presentar a solicitude de gratuidade das máscaras polo que se ve), que é tanto como poñer a “listaxe de persoas necesitadas” á vista de todas as súas compañeiras e compañeiros. E que a consellaría non é quen de prever sistemas de información que non pasen pola exposición pública da privacidade das persoas. - Como vai conseguir a consellaría que as familias que vexan desestimada a súa solicitude poidan exercer o seu dereito á reclamación nos dous días hábiles seguintes á publicación nun espazo ao que as persoas solicitantes non temos acceso ? - Como se van pagar os atrasos correspondentes ás máscaras que as familias levamos pagando dende o principio do curso até a finalización dun procedemento ao que se xa na propia orde de convocatoria se lle establecen tres meses, TRES MESES, de posíbel tramitación, para os casos que non tiveran presentada a solicitude de axuda para adquirir material escolar neste curso ?, pero tamén, e a ese alumnado que si presentou e obtivo a axuda, quen lle vai repoñer o gasto xa realizado dende o 10 de setembro pasado, cando é a consellaría a responsábel de todos os retrasos soportados?. - Cantas máscaras se van pór ao dispor do alumnado ?, segundo as propias instrucións da consellaría deberan ser non menos de dúas diarias. Preocúpanos, por experiencia, que se pretenda esixir un coidado especial coas máscaras “que dá a consellaría”, o que sería outra maneira de discriminar. - Supoñemos que a consellaría terá un exquisito coidado en non marcar de ningún xeito visíbel as máscaras gratuítas, a ver se o “sentidiño” de quen dirixe lle fai entender que calquera marcaxe é tamén unha marcaxe ás persoas destinatarias.

E, por último, saben todas como se resolvería todo isto?, como evitariamos o papeleo, a xestión burocrática, a cantidade enorme de tempo desperdiciado, as discriminacións, as distorsións económicas temporais, a inseguridade, os retrasos, as marcaxes, as exclusións ? Pois dun xeito moi sinxelo, traballando por un ensino público GRATUÍTO, fornecendo ao alumnado de todo o que precise para asistir comodamente ás súas aulas, entrando en igualdade con todas as súas compañeiras, sen ter que levar máscaras regaladas, nin libros marcados, nin entregar publicamente cheques de pobreza nas librarías, e sen explicar a ningún funcionario-a cal é a situación da súa casa. O alumnado, e as súas familias, temos dereito a que a administración pague TODO, todo o necesario para que a educación das nosas fillas teña a calidade que elas merecen; que o pague todo no Ensino Público, no privado, concertado ou sen concertar, que cada quen pague o que escolleu.