NON AO PECHE DO COLEXIO DE BAAMONDE

Dende a FAPACEL queremos manifestar o noso apoio ás nais e pais do Ceip de Baamonde que están exixindo á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en Lugo que desista na intención de pechar o colexio a instancias da Alcaldía de Begonte que xa comunicou a súa intención de destinar esas instalacións a albergar un conservatorio de música e unha gardería.
O Ceip de Baamonde conta con 30 nenas e nenos, tanto de Baamonde coma das parroquias colindantes.
Non podemos esquecer o que supón ter un colexio aberto, supón vinculación dese alumnado a súa terra e os seus compañeiros e compañeiras e supón tamén vida e movemento para esta vila.
O colexio é unha prioridade que debera estar, se temos un pouco de sentido común, por encima de calquera outro proxecto por moi interesante que semelle.
Baamonde xa conta cunha escola de música e cunha casa niño, en calquera caso.
Lembremos que pechar un colexio non é un acto gratuito, as nenas e nenos non son números e os seus dereitos están por enriba dos criterios económicos da Consellería. Os dereitos non son caros nin baratos, son dereitos.
Tamén estamos a falar de perda de postos de traballo vinculados ao centro nun momento no que , insistimos, non podemos perder nada máis.
O rural non se mantén vivo se insistimos en pechar colexios e servizos fundamentais e queremos lembrar que o rural galego e responsabilidade de todos e para todos.
Tal vez sexa a hora de comezar a tratar a problemática do despoboamento rural dende un punto de visa uno pouco máis amplo.