POR OUTRO CALENDARIO ESCOLAR

calendario escolar é a folla de ruta por onde nos guiamos as familias que temos fillos e fillas no ensino non universitario, é o que condiciona a nosa vida ordinaria, o que marca as pautas do que se pode facer e do que está limitado pola existencia de clases, exames, avaliacións...
As familias estamos acostumadas a unha Orde anual da Consellaría de educación na que se fixan pequenos axustes puntuais a un modelo global que leva anos sen variar; e para nós, que o curso comece o día 9 ou o once, que Nadal inclúa un ou outro día de máis ou de menos, non é un problema de gran atención; por iso admitimos esa orde que ven dende arriba sen darlle demasiada importancia, non rompe o status quo.
Porén, sistematicamente esiximos que se abra o debate sobre outro calendario diferente, que estea apartado das festividades relixiosas, que teña unha organización estritamente pedagóxica e non laboral -debería estar pensado para as persoas que están escolarizadas, non para quen está traballando-, que sexa consensuado coas familias, e tamén co propio alumnado dos cursos superiores. Pero ese debate non se abre.
Mais este ano seica vai ser diferente, os medios de comunicación, auténticos heraldos da consellaría, avísannos, e menos mal que o fai alguén, dun cambio senlleiro na proposta de calendario para o curso 2021-2022, a supresión da convocatoria de setembro en toda a ESO e tamén en 1º de BAC, que pasaría a se celebrar no mes de xuño. Ou sexa, introducir á forza unha segunda convocatoria no mesmo momento no que até o de agora existe unha soa. Eliminar de facto a posibilidade de moita rapazada de superar un curso co que non puideron durante o período lectivo ordinario.
E todo isto pretende facelo a consellaría nunha mesa sectorial de educación, ou sexa, nunha mesa onde se fala de condicións laborais; un lugar onde non se debera nunca falar de temas que afecten máis alo das condicións específicas de traballo comúns ao profesorado.
E aí dicimos claramente que non, que ese non é o lugar para falar do calendario escolar, nin o lugar nin os interlocutores válidos. Para falar de algo que afecta a todas as familias galegas, temos que estar presentes nós, o alumnado, a administración, e os expertos en pedagoxía que avalen un calendario distinto; e logo xa se discutirán as condicións laborais para poder levalo a efecto coas persoas traballadoras, cando xa estea definido.
As familias galegas non imos permitir que se lle retire as nosas fillas e fillos un dereito, o da segunda convocatoria, que marca a diferenza entre superar ou non superar un curso académico, sen falar longamente do que esta mesma mocidade recibe a cambio, en que condicións o recibe, e como se ve compensada e apoiada no seu dereito á educación.

Facer unha segunda avaliación a partir do 22 de xuño, como pretende a consellaría, é un puro disparate, un desatino sen lóxica que só serve para a comodidade administrativa dos centros educativos, e para incidir aínda máis no abandono daquel alumnado que precise máis atención e máis recursos. Nós avalamos a necesidade de garantir un período de vacacións innegociábel para o alumnado, avalamos que teñan un tempo de descanso asegurado, pero ese tempo non pode ser o que transcorre dende o 22 de xuño até o 15 de setembro. Iso non son vacacións, isto é un deserto insuperábel na autonomía do alumnado con dificultades, e un descanso innecesario para aquelas que non as teñen.
Queren cambiar o calendario escolar?, nós tamén, con calma, con sentido, coa presenza de expertos, coa nosa indiscutíbel presenza, e con todas, absolutamente todas as opcións abertas. Aí falaremos todo o tempo que se requira; pero un calendario escolar negociado como un asunto puramente laboral, deixando de lado a toda a comunidade educativo teranos enfronte permanentemente.
Se a consellaría quere ter un curso próximo onde isto sexa o punto fundamental de debate, terémolo, gustaríanos que fose nos despachos, como cómpre, e non nas rúas.