FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
POR OUTRO CALENDARIO ESCOLAR II
Hoxe, 19 de abril, as representantes da Confederacion ANPAS GALEGAS tivemos unha xuntanza coa Secretario Xeral de Educación e Formación profesional, José Luis Mira, para falarmos do novo calendario escolar que a Consellaría de educación pretende implantar a partir do curso 2021-2022; nesa xuntanza tamén estaba presente CONFAPA-Galicia, polo que as familias do ensino público estabamos todas alí, é importante destacar iso.
Hai dúas ideas básicas desta reunión co secretario xeral que queremos deixar absolutamente claras:
- Chamáronnos moi tarde, e cunha orde de prioridade incorrecta.
- Non aseguramos que a reunión de hoxe fose explicitamente negociadora, máis ben semellaba informativa dunha decisión tomada.
Por iso tamén queremos ser rotundas en relación a este importantísimo cambio sobre o que recibimos non demasiada información:
- O calendario escolar ten unha transcendental importancia colectiva, non é unha ferramenta educativa interna, afecta á vida das familias, á organización laboral das nais e pais, da sociedade entón, e á vida do alumnado; en consecuencia ten que ser debatida cos colectivos axeitados; isto está sen facer, e é a nosa primeira demanda.
- A organización da escola, dos seus tempos e das súas achegas, é a principal causa de acerto ou fracaso escolar. O calendario ten que ter unha motivación estritamente pedagóxica, e o resto das persoas que participamos no ensino público temos que estar subordinadas a esa motivación. Hai que facer o que o alumnado precise, aínda que iso represente cambios fondos noutros colectivos.
- Temos que ter un coidado especial co alumnado con dificultades. Aprobar un novo calendario só ten sentido se consegue dar resposta a todo o alumnado que non está beneficiándose como debera dun ensino obrigatorio universal e gratuíto. O alumnado con dificultades necesita máis tempo e máis atención, máis medios, máis clases e máis coidado. Iso debe ser un obxectivo prioritario.
- Non é posíbel conseguir un cambio se non poñemos encima da mesa todas as opcións e todas as necesidades. Non cabe pensar en suprimir a convocatoria de setembro, certamente problemática e de pouco éxito, e pretender introducila á forza nun curso ordinario que remata o 20 de xuño. Se queremos falar de eliminar setembro hai que falar de como e onde ampliamos o curso escolar actual, para que exista un tempo suficiente de atención ao alumnado que o precise. Moitos máis días lectivos, e moi especificamente deseñados para esa atención.
- A consellaría infórmanos da súa intención de facer cambios metodolóxicos “que fagan practicamente innecesaria a convocatoria de setembro”. Aplaudimos esa intención, e claramente indicamos : se comezamos a traballar nese senso, non cambiemos agora o calendario, falemos dos cambios metodolóxicos precisos, e cando comecen a dar froitos falaremos de novo de cambiar, ou mesmo eliminar, o que xa non sexa necesario.
- Para nós, perder setembro a cambio de nada é un recorte inaceptábel nos dereitos das nosas fillas e fillos, é unha concesión á comodidade administrativa que non trae de seu ningún beneficio a quen os merece todos: o estudantado; a única razón de ser do ensino público.
Por iso, defendemos novamente un cambio fondo no calendario escolar, froito dun debate múltiple coas familias, o alumnado e a sociedade, na mellora do ensino de todas, e para a defensa do alumnado galego. Solicitamos que se inicie xa ese debate, e entendemos que todo o feito até o de agora non ten ningunha validez, porque nin nós nin o alumnado estabamos alí, e iso dese xeito non é admisíbel.
Estamos xa agardando a unha nova convocatoria de xuntanza, con argumentos serios e propostas concretas, e con algo máis de tempo a próxima vez, por favor.