FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
CREANDO UN CONTO. XELA
Alén das montañas, Xela ficaba muda ante a beleza das innumerables cores da primavera, os verdes infinitos, o intenso azul do ceo, a exuberancia do sol quentado o seu corpo tendido na herba…….definitivamente, aquel prado no medio do bosque, era o lugar con máis maxia que Xela coñecía. Alí, desfrutando dos sons que a envolvían, case podía sentir coma se a nai natureza lle dese todo o agarimo que precisaba.
Toda a morriña que levaba prendida do peito, parecía desaparecer naquel prado. Mesmo tiña a sensación, de que os beizos do seu avó aínda enchían a súa faciana de bicos, unha e outra vez, facendo que lle doera todo o corpo coa risa. Aínda podía escoitalo a dicir…..
- Xela, miña nena, prométeme que cando medres, has ter máis sentidiño que tódolos rapaces e rapazas desgreñados que saen día si e día tamén na televisión. Prométesmo?
- Prometo avó…….(mais eu pensaba….a tele?….igual sí vou, shhh)
Ao seu lado, a vella casa de pedra. Aínda conservaba no seu portalón a cruz de ferro que el mesmo fixérana fragua. Que ledicia e que mágoa á vez!.
Tiña que entrar e lembrar. Sí, aínda se podía cheirar o fume da lareira na que tantas veces lle tiña contado vellos contos que escoitaba sen pestanexar, cando comezaba a escuridade do luscofusco,e a avoa facía as filloas con mel mais saborosas do mundo enteiro.
Tras o cristal roto da xanela, aínda parecía que vía subir a brétema dende o río. Gustáballe tanto esa sensación sobre a pel….. Sensación que dende que se fora á gran cidade, non volvera a experimentar. A gran cidade….si. Alí a súa lingua non a volvera a oír, o que a facía sentir a nena máis infeliz da terra.
Pero aquí estaba de novo, un 17 de Maio, o día das Letras Galegas na súa terra natal, na súa querida aldea, onde fica a súa casa familiar, agora medio destartalada…
De repente un sorriso iluminou a súa cara, cando escoitou ao lonxe unha música….era un son de gaita! Incrible!
Xela estaba moi emocionada, moveu a cabeza a un lado e a outro, para ver quen era a persoa que tocaba a Muiñeira de Lugo que ela tan ben coñecía! Cantas veces a bailara nas súas clases de danza na escola….cantos recordos…
De lonxe avistou algo, pareceulle ollar o seu avó, pero non podía ser…mirou outra vez e vislumbrou a Xenaro o seu curmán que tanto tempo facía que non se encontraban.
Xela comezou a correr monte a través cara el e cando por fin estivo o seu carón encheuno de bicos e apertas!
- Meu, que fas ti por eiquí?
- Ando enleado facendo no Maio, abaixo na aira da casa da Catuxa, acordei vir facelo cunhas amigas e máis botar un pé, baixa canda min que aínda queda por facer...
Foi ben doado baixar xuntos a corredoira que tanto pisaran camiñando entre os castiñeiros, que coa súa follaxe silenciaban o balbordo da festa.
Ao pasar ao carón do campo de fútbol, en tempos encalado e manchado de teas de araña, non puido deixar de mirar o graffiti que agora ocupaba a parede, nel representábase a imaxe dunha parella de homes, vestidos de uniforme, que estaban a darse un bico, Xela deu en pensar, que sí algo mudara na vila, e enchéuselle o peito de orgullo.
Ao acercarse para ver a obra de arte, decatouse de que a que estaba pintando non era outra que a Catuxa, a filla do ferreiro.
- Catuxa que ledicia verte, menuda obra de arte!
- Boas Xela, sí,estou estudando Belas Artes en Pontevedra , e déronnos permiso para pintar isto.
Sentín que as miñas fazulas avermellaban e a suor saíaseme polos poros, que fermosa estaba a Catuxa!;a quemazón que me percorreu as veas valeume para convencela de que baixara con nós a ver o Maio. No medio da aira lucía ben fermoso, e o arrecendo da xesta recen cortada enchíao todo; un pé levou ao outro e nun momento estabamos de foliada, entre voltas e reviravoltas sentín a súa man na miña, o fulgor dos seus ollos atopouse cos meus, unas bágoas de ledicia quixeron escorregárseme pola faciana e caer na súa saia, mais quedáronse quietas á calor dos seus beizos, e a porta da casa do Ferreiro pechouse tras da aira.
- Aiiii, que calor…. Canto tempo facía que non bailaba tanto! Cantas lembranzas se me veñen á miña cabeciña…. Lembras cando eramos nenas, Catuxa?
- Si! Canto levamos xogado na aira… lembras cando nos bañabamos no río? A auga estaba fría pero a nós dábanos igual con tal de despois poder deitarnos no prado a que o sol nos quentara e mirar o ceo para inventarnos historias.
Ámbalas dúas quedaron de repente caladas, coma se a morriña invadira as súas almas e non lles deixase falar. A sensación era incrible… lembrar de onde viñan as dúas e como a amizade despois de tantos anos sen verse seguía aí case intacta, coma se volvesen a ser as nenas da aldea que soñaban con ser grandes artistas e poder contar ao mundo o que elas sentían.
Aí estaban as dúas case medio soñando con tódalas lembranzas aquelas que as enchían de felicidade e ao mesmo tempo de orgullo, pois voltaran ao seu lugar; ao lugar de sempre, onde falaban na súa lingua e volvían a sentirse elas mesmas. Era coma volver ás orixes, redescubrir quen eran para poder seguir as súas vidas.
- Catuxa, teño algo que ensinarche. Estou escribindo e gustaríame que me dixeras que che parece…
- Non sei, Xela, non sei se serei de moita axuda… sabes que eu son máis de debuxar… quen sempre contaba os contos e as historias eras ti. Lembras os contos que nos contaba teu avó? Nin pestanexabas do que che gustaban! A min o que máis me gustaba era cando túa avoa facía as filloas e invitaba a tódolos nenos do arredor a comelas.
De repente abriuse a porta e apareceu Xenaro.
- Que facedes aquí? Veña, que estamos esperando, que a festa segue! Aproveitemos que estamos todos xuntos coma antes!
Marcharon os tres devolta para o balbordo da festa para seguir coa foliada.
A medida que se achegaban, o son da música íase incrementando e primeiro os pes, logo as pernas, os brazos … o corpo enteiro ía collendo o ritmo. Cando chegaron ao campo da festa só lles quedaba brincar.
De súpeto, Xela viuse transportada ás súa nenez, cando bailaba ao son da “Saia da Carolina”, de “A Rumboia”, muiñeiras, Ana Kiro, … naquelas “Festas do Emigrante” do seu pobo.
Cando parou a música, sentouse e viuse pasar a si mesma, xunto con Catuxa e Xenaro, polo mesmo campo, brincando, dando pinchacarneiros, con algún que outro crocazo, acompañados do seu can rabelo, … como desfrutaba! Mágoa que agora non haxa foliadas coma aquelas!
Toda esa ledicia viuse escachada en mil anacos ao lembrar aquel primeiro amor, do que endexamais volveu a saber.
A música, pensou, é a mellor máquina para viaxar no tempo.
Fixérase tardísimo, entre tantas risas e baile, reencontros, charlas e lembranzas, pasáraselle o tempo sen decatarse. Despediuse dos seus amigos e foise para a casa amodiño, sen presa, respirando o aire limpo cheo de arrecendos da primavera e lembrando aquela rapaza que fora, fai tantos anos, a primeira persoa pola que sentirá aquel amor descoñecido ata entón.
Aqueles recordos enchérona de desacougo, lembraba o fermoso que fora e tamén o mal que rematara todo cando as súas familias se enteraron da que naquela época era una relación fóra de lugar e incluso pecaminosa e que os podía avergoñar diante dos seus veciños. A ela castigárona sen saír da casa unha longa tempada pero a Íria… Íria, así se chamaba ela, Íria. Decatouse abraiada de que a pesares do tempo aínda lembraba a súa risa, as súas mans, os seus beizos. A Íria metérona nun internado de monxas e nunca máis se volveron ver.
Sumida neses pensamentos non fora consciente de que o seu andar a levara a entrada da fraga que baixaba cara o río, a fraga onde dicía a lenda que unha parella de amantes mozos desaparecera para sempre despois de que as súas familias lles prohibisen estar xuntos, a fraga onde elas, fai tantos anos, viviran aquel amor sen medo e en liberdade.
Agora era realmente tarde, deu a volta e colleu o camiño da casa acompañada polo canto das curuxas.
Unha das curuxas acercouse a Xela e botou un resplandor azul dos seus ollos.
A curuxa empezou a voar facendo ondas e guiou a Xela por outro camiño distinto o da súa casa. Xela seguiuna.
Era un camiño de arbores moi frondosas con pequeñas leiras ao fondo. O carreiro cada vez facíase mais estreito e empinado. Anoitecía. Pero Xela seguía a súa guía... ata que, de súpeto chegaron ao cume dunha montaña e alí estaba un fermoso Castelo cun Torreón enorme; do que penduraba unha escada chea de margaridas.
A curuxa volvíase Tola... non paraba de voar ao arredor do castelo...
Xela non o dubidou e comezou a subir pola escada...
Subiu e subiu ata chegar á cume da escada. Dende alí observou o que había no interior do torreón, que non era outra cousa máis que montóns de cestos cheos de flores, había rosas, margaridas, craveis,etc. Un arrecendo moi forte invadiu as súas fosas nasais e fíxolle perder o equilibrio.
Cando abriu os ollos deuse de conta que todo fora un sono, quedárase durmida mentras recordaba a lenda dos amantes na fraga. De súpeto lembrou o moito que lle gustaban as flores a Íria, sempre se paraba nas corredoiras para apañar todas as que atopaba.
Seguiu o seu camiño ata a casa da súa infancia, imaxinando na súa cabeciña todo o que farían aquel fogar que tanto significaba para ela.
Xa casi anoitecera de todo cando empezou a recorrer o camiño de entrada cando lle pareceu ver a alguén esperándoa...