QUE PINTAMOS AS FAMILIAS GALEGAS NA EDUCACION DAS NOSAS FILLAS E FILLOS

Cal é o papel que temos as familias no sistema educativo galego ?, que pintamos nel ? para que se nos consi-dera neste momento?
A resposta a esta pregunta, se miramos as últimas actuacións da consellaría de educación, máis concretamen-te da Secretaría Xeral de educación e formación profesional, e moi simple: non contamos en absoluto.
Nunha concepción absolutamente atávica da participación democrática e da transparencia necesaria, a conse-llaría de educación, como ven facendo dende hai unha morea de anos, continúa a pensar que a educación é algo que non ven entregado dende arriba, sobre o que non temos nada que dicir nin argumentar, sobre a que non se nos consulta, nin se nos considera.
Hoxe saíu á luz o novo calendario escolar para o curso 2021-2022, un calendario que consagra un cambio transcendental na vida ordinaria do estudantado galego ao suprimírense as probas extraordinarias de setembro en secundaria e primeiro de bacharelato, en segundo xa non existían, coa opinión unánime en contra das familias galegas, que sabemos que, ao facelo do xeito que se fai, sen consenso, sen información e sen debate, vaise causar un enorme prexuízo ao alumnado máis desfavorecido; un paso máis na constante discriminación na que esta consellaría está a meter a aqueles estudantes que non teñen o camiño doado, sen fornecelos dos apoios necesarios, nin dos medios imprescindíbeis, sen atender ás súas circunstancias, mesmo cando están diagnosticadas, e agora xa, como golpe definitivo, sen tempo abondo para poder continuar.
A consellaría ven de aprobar un calendario que le serve á administración, que acae perfectamente ás direc-cións dos centros e ao seu interese organizativo; a Xunta acorda os cambios cos seus propios subordinados, nunca se viu cousa máis estúpida ca esa, e deixa fóra do acordo a quen se vai ver obrigada a cumprilo, como nos peores tempos das normativas máis ditatoriais.
Mentres tanto, as familias estamos aínda pendentes de que o conselleiro de educación nos convoque, como nos asegurou persoalmente, para darnos os datos e os estudos nos que se basea este cambio (estamos con-vencidas de que non os dá simplemente porque non os ten, porque esta consellaría é o goberno permanente da chapuza e as decisións casuais) e para “tentar convencernos”, novamente segundo as súas palabras, das bondades dun cambio de modelo. Convencer a golpe de feitos consumados non é precisamente democracia, conselleiro, nin participación, nin comunidade educativa.

Hoxe toca denunciar esta actuación, toca que a consellaría explique por que non está falando fluidamente coas lexítimas representantes das familias galegas todos os aspectos que nos atinxen, que son realmente todos os que son competencia desa consellaría; toca falar de porqué se furta sistematicamente o debate á sociedade galega, toca esixir un cambio de rumbo nunha consellaría que semellaba iniciar un proceso de actualización democrática, pero que retrocedeu de golpe ás máis vellas esencias do totalitarismo.

Sr. Conselleiro: as familias non somos convidadas de pedra na educación, non estamos aquí para facer o que nos manden, nin para aceptar como boas políticas de desfeita permanente. Estamos para traballar polas nosas fillas e fillos, por toda a xuventude, na procura dun mundo mellor para elas, sería ben que nos escoitaran dun xeito estruturado e constante. Porque se non imos todas á vez, simplemente non imos.

Así que comecemos canto antes a falar do próximo curso, da apertura dos centros escolares para as familias, da volta á presencialidade tamén nas titorías, nos consellos escolares, no día a día, que somos adultas e sa-bemos como acceder a espazos pechados, e se podemos entrar en bares mellor entraremos nos colexios. E falemos tamén de como se modifica este desastre de calendario escolar para que non cometamos o erro de consolidar un modelo que está a fracasar en moitas partes do Estado, e que é rexeitado absolutamente pola cidadanía galega.

Pode ser que esa consellaría quedase ancorada en tempos pretéritos, e pense que quen gaña unhas eleccións ten carta branca durante catro anos, pero nós non o pensamos así, as eleccións non eliminan o dereito á parti-cipación e á discrepancia. Agardamos poder demostralo.