DEMANDA DE INSTRUCCIÓNS PARA VOLVER Á NORMALIDADE

Prezado Conselleiro de cultura, educación e universidades:
A menos dunha semana do remate das clases , dende a Confederación ANPAS
GALEGAS seguimos agardando pacientemente por unhas instrucións para o inicio do
vindeiro curso que aporten algo de seguridade e tranquilidade ás familias a hora de se
organizaren.
Cando xa se fala, nas continuas noticias que publica o goberno da Xunta de Galiza, de ir
acadando a “normalidade” e da tendencia positiva que está a seguir esta pandemia,
de permitir xuntanzas de máis persoas, da eliminación da meirande parte das
restricións, a única mención ao funcionamento “normal” dos centros de ensino no que
se refire á participación das familias no ámbito escolar coma parte da comunidade
educativa que somos, é a publicación por parte do Ministerio , nin sequera da súa
Consellería, das “MEDIDAS DE PREVENCIÓN, HIXIENE E PROMOCIÓN DA SAÚDE
FRENTE Á COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS NO CURSO 2021-2022” aprobado na
Comisión de Saúde Pública do 18.05.2021 no que no punto 8 establece :
” Priorizarase a comunicación coas familias mediante teléfono, correo electrónico,
mensaxes o correo ordinario e facilitaranse as xestións telemáticas. As familias
poderán entrar no edificio escolar no caso de que o profesorado ou o equipo directivo
así o considere, cumprindo sempre as medidas de prevención e hixiene e, en ningún
caso, se presentan calquera síntoma compatible coa COVID-19”.
Publicación que por outra banda non aporta nada novo nin normal á situación actual.
A pregunta é: Se acadamos a normalidade na vida diaria, por que non nos centros de
ensino? E non estamos a falar de se hai que levar máscaras ou manter a distancia
recomendada de 1,5 m entre o alumnado, estamos a falar de normal funcionamento
dos órganos de goberno dos centros escolares nos que participan os representantes
das familias, da adecuada atención das titorías, das actividades extraescolares que as
ANPAS teñen dereito a realizar nas instalación escolares. En definitiva, de abrir os
centros de novo ás familias.
Polo tanto solicitamos:

Termos unha reunión, tal e como solicitamos por correo electrónico o pasado 31 de
maio, antes de que remate o curso presente, ou canda menos antes de que se
publiquen instrucións das que logo teñamos que desacordar. É moito mellor falar
antes que pretender impoñer despois.
E xa logo, publicar canto antes as instrucións que reflictan efectivamente esa
normalidade da que tanto se gaba este goberno, para que así as familias poidamos
recuperar a presenza nos centros educativos para o seu correcto funcionamento.
Compostela, na data da sinatura dixital deste escrito.
Un saúdo
Fernando Lacaci Batres, presidente
Isabel Calvete Carrera, vicepresidenta