FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
COMPRA DE LIBROS EN E-DIXGAL
Secretario Xeral de Educación e Formación Profesional
Consellaría de cultura, educación e universidades
Dende ANPAS GALEGAS sempre apostamos por un Ensino Público moderno e actualizado coas
tecnoloxías que sitúe ao noso alumnado no mundo no que viven, e que facilite a súa aprendizaxe do mundo no que deberán participar logo da escola.
Por iso, aínda que non creamos que E-dixgal sexa a mellor das ferramentas, sempre centramos as
nosas críticas na súa insuficiente implantación, no custo que lle pode supor ás familias a reparación do hardware de préstamos, ou a contratación do seguro obrigatorio, e, sobre todo, a incorrecta formación do profesorado á hora de utilizar un modelo que debera implicar “un uso crítico, creativo e seguro das tecnoloxías da información e da comunicación”, segundo as palabras iniciais da Resolución do 2 de marzo de 2022 que convoca a selección de centros para participar en E-Dixgal 021-2022.
Desgraciadamente non é isto o que está a ocorrer, e observamos como en moitas ocasións E-dixgal é unha dixitalización dun ensino analóxico convencional, ou arcaico, utilizada por profesorado non formado -non entramos a xulgar as razóns desa falta de formación porque non nos compete, pero quizais un maior control do que ocorre nas aulas sería desexábel- , ou simplemente non mentalizado do que ten que utilizar.
Nesta liña, e esta é a razón básica deste escrito, estamos detectando como hai centros de primaria incorporados ao programa E-dixgal que continúan utilizando, e demandando a súa compra por parte das familias, libros de texto convencionais; ocasionando un prexuízo duplo ás familias, por unha parte porque están privándolle aos seus fillos e fillas do avance que podería supor o uso correcto das plataformas dixitais; e por outra porque eses libros non poden ser adquiridos con ningún tipo de axuda pública, para os casos que o precisen, porque son de adquisición “irregular”.
Demandamos desa Dirección Xeral unha resposta clara sobre esta actuación, que poidamos difundir
entre as ANPAS galegas, para que entre todas colaboremos a erradicar unha práctica que de seguro
non está dentro da intención da consellaría, como claramente non está dentro da legalidade que
abeira todo o programa E-dixgal.
Compostela,
Un saúdo
Fernando Lacaci Batres, presidente
Isabel Calvete Carrera, vicepresidenta