FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
PLATAFORMAS DIXITAIS NON AUTORIZADAS
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS estamos preocupadas, cando non escandalizadas, polo que está acontecendo en varios centros escolares segundo a información aportada polas nosas ANPAS: estanse ofertando e utilizando plataformas e aplicacións dixitais educativas polas que as familias teñen que realizar un pagamento.
Xa non é simplemente lembrar que o ensino público é gratuíto por mandato constitucional,
nin que ningún centro escolar pode reclamar máis ingresos dos que establece o Decreto
201/2003. É que estamos a falar de ferramentas que non teñen cabida nos centros de
ensino público galegos,porqueentendemos que non están autorizadas por esa consellaría,
tal e como debera facerse de acordo co Decreto 89/1993 polo que se regula a autorización
de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral:
Artigo 1.- Os libros de texto e outros materias editados que vaian ser utilizados nos centros docentes públicos ou privados da Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento e aplicación do currículo das ensinanzas de réxime xeral, establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, requirirán a autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
A realidade é que non temos unha normativa específica global sobre o ensino dixital. A única
referencia que atopamos sobre isto esta nas instrucións do 14 de decembro do 2020 da
Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade relativas ao
uso dos servizos educativos dixitais corporativos no marco da emerxencia sanitaria derivada
da pandemia por Covid-19, nesa norma indícase que:
Cuarta. Servizos Dixitais Educativos As ferramentas de docencia virtual previstas pola administración educativa autonómica para pasar dun entorno presencial a un modelo de docencia en remoto ou en liña, así como as que apoian o proceso ordinario de educación cando se requira o uso de servizos dixitais, son aquelas determinadas polo responsable de tratamento de datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dispoñíbeis en “Servizos Dixitais Educativos” (https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais) xunto cos procesos de solicitude (de ser necesario), os manuais de usuario e as canles de consultas, comentarios, etc.
Todas estas ferramentas compren con requisitos establecidos no RXPD e no Esquema Nacional de
Seguridade, segundo o previsto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro de Protección de Datos Persoais e Garantía dos dereitos dixitais.
Sexta. Condicións de uso das ferramentas de docencia virtual por parte do alumnado e do profesorado.
Para o normal desenvolvemento da actividade educativa nos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade empregaranse unicamente as ferramentas e aplicacións aportadas pola consellería de Cultura, Educación e Universidade e que contan con todas as garantías previstas na normativa vixente a través da AMTEGA como encargada de tratamento.
Non obstante, para aquelas actividades educativas complementarias tales coma a realización de proxectos de innovación ou proxectos europeos, os centros poderán utilizar as plataformas previstas aos efectos sempre que se atopen baixo a responsabilidade expresa dun organismo público no espazo económico europeo e que cumpran cos requisitos descritos no RGPD e no Esquema Nacional de Seguridade e o centro conte coa autorización expresa e inequívoca (por escrito) dos pais ou titores legais ou do/da menor cando teña máis de 14 anos. Neste caso recoméndase a xeración de contas con alias, é dicir cos datos persoais “pseudonimizados” pero mantendo as obrigas e medidas contempladas na normativa de protección de datos.
En ningún caso poderán os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinar contratos de encargado de tratamento con terceiros, por corresponder a habilitación legal unicamente á Secretaría Xeral Técnica da consellería.
Para nós a idea destas instrucións está bastante clara, e pretende homoxeneizar o tratamento dixital nos centros educativos, cousa que aplaudimos sen reservas; e entendemos, ao marxe do contexto da COVID-19, esta debe ser a normativa que debera regular o ensino dixital; outra opción non tería sentido; pero está pasando.
Está pasando e preocúpanos, preocúpanos que unha dirección poida saltarse as disposicións da
consellaría e contratar plataformas descontroladas, preocúpanos que haxa centros escolares que
están impoñendo ás familias, a todas sen excepción, un pagamento non regularizado nin autorizado; preocúpanos que a inspección educativa descoñeza o que se está facendo nos centros, ou que o profesorado confunda o seu dereito a definir o material escolar que se ha utilizar coa imposición de ferramentas que modifican totalmente o sistema.
En conclusión: cal é a listaxe de ferramentas dixitais que esa consellaría ten autorizada aos centros educativos galegos, onde pode consultarse, cando se actualiza, quen o fai, a onde poden recorrer as familias e as direccións que queiran utilizar ao máximo as posibilidades que oferta esa consellaría pero garantindo a permanencia nas canles autorizadas?
Tamén solicitámoslle que poña fin a estas prácticas irregulares nos centros de ensino e procuren
adaptarse ás normas de funcionamento que dita a súa consellería.
Compostela, na data da sinatura dixital deste escrito.
Saúdos
Fernando Lacaci Batres, presidente
Isabel Calvete Carrera, vicepresidenta.