Tecendo Redes

mail 8 DE ABRIL: DIA INTERNACIONAL DA CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

Cada 2 de abril detémonos para falar de autismo, para dar visibilidade, para lembrar. Pero tamén, inevitablemente, para recoñecer que aínda non é suficiente.

Porque, malia os avances, a inclusión real segue a ser unha meta que non acabamos de acadar.

As persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias continúan atopando barreiras no día a día: na educación, no emprego, na participación social, na comprensión por parte da contorna. Barreiras que non deberían existir nunha sociedade que se quere xusta e igualitaria.

Dóenos saber que aínda hai quen queda fóra.
Dóenos comprobar que a inclusión, tantas veces proclamada, non sempre se traduce en feitos.

O autismo forma parte da diversidade humana. Cada persoa é única, con capacidades, talentos e unha maneira propia de sentir e entender o mundo. E precisamente por iso, é a sociedade a que debe adaptarse, escoitar e ofrecer oportunidades reais.

Desde FAPACEL seguimos traballando con compromiso e responsabilidade, pero tamén cunha mirada crítica e honesta. Porque non abonda con concienciar un día ao ano. É necesario actuar, transformar e garantir dereitos todos os días.

Neste 2 de abril, non só queremos sensibilizar. Queremos tamén facer unha chamada á reflexión colectiva.

Porque a inclusión non pode seguir sendo unha promesa.
Ten que ser unha realidade.

 

Issabel Calvete

Preidenta da Fapacel

 

 

mail  BESTAS


Supoño que de ser recurrente, o tema xa nin nos afecta. Pero se nos paramos un chisquiño...arrepiamos e con razón. Pero o drama non está só no que non nos escandalice ao nivel que os feitos merecerían escandalizarnos o drama está detrás, moi atrás. 

Están as imaxes nos telediarios e nas ditosas redes, unha nena pegando a outra nena mentres as demais e os demais animan, gravan cos móbiles, rin e incluso participan na malleira con patadas e arrincándolle guechos de cabelo á nena que está no chan que debe ser unha proeza do máis graciosa pola reacción do resto do público.

Non é a primeira vez que vemos algo semellante e seguimos sen reaccionar.

Estamos creando unha sociedade fantástica, unha educación para a paz, para a empatía, para a inclusión e para a igualdade... un plan sen fisuras.

E si a nena que está no chan mentres se asañan todas e todos con ela, mentres lle arrincan o cabelo e a insultan, a humillan, rinse dela ao vela sufrir e  mentres colgan eses vídeos dignos dun Óscar en todas as redes sociais habidas e por haber .. e si esa nena fora a túa filla?.

Non son quen de imaxinar o que está pasando esa rapaza e o que está pasando a súa nai e o seu pai, pero non é moi difícil achegarse a esa dor, calquera nai e calquera pai o pode sentir. Pode sentir a rabia e a impotencia e seguro que calquera nai e calquera pai, como os desta nena, non poden entender que está pasando nesta sociedade, que estamos criando...bestas?.

Semella que é iso exactamente, bestas.

Agora está por ver se somos quen de cambiar iso. De conseguir que as nosas fillas e os nosos fillos sexan persoas e non bestas.

Isabel Calvete

Presidenta da Fapacel


 

mail 8 M -DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O 8M non é unha data calquera, é o día no que temos que volver a lembrar a nós mesmas e toda a sociedade que é necesario defender a igualdade, defender os dereitos de todas e de todos.

Está todo escrito, por suposto pero día tras día vemos como as veces as palabras escritas non chegan e non son só letras, son leis e son dereitos; día tras día loitamos nunha batalla que xa debera estar ganada fai moitos anos e non o está; pola contra vemos como un discurso arcaico e retrogrado aparece de novo e nas bocas das nosas fillas e fillos, un discurso realmente perigoso para esta sociedade.

Por suposto hai siglas detrás, cando algo malo empeza a xerminar neste país, sempre hai siglas detrás.

Son as da ignorancia, as que dan as costas á historia, as da falta de sentido crítico, as que cren que existen clases entre as persoas, as que non respectan a diversidade, as que cren na discriminación e as que pensan que poden pisar os dereitos dos demais.., as que non cren nin defenden a igualdade.

Seguramente esteamos fallando como educadores e educadoras para un futuro mellor, temos que reconducir esta deriva por eles, polas nosas fillas e fillos. 
Non merecen unha vida peor que a nosa, se non conseguimos unha sociedade mellor para eles, non nolo poderíamos perdoar.

Pola contra, unha sociedade igualitaria é garante de respecto, de benestar, de estabilidade...ninguén ten dereito a estragar o futuro dunha nena por ser nena, dun neno por ter outra cor de pel, de calquera por ter outra orientación sexual, ou por ter outras capacidades diferentes ou pensar distinto.

Non existe esa superioridade moral para estragar ese futuro, non exista ningunha superioridade moral. 

Así que conmemoremos unha vez máis o 8 de marzo ata que xa non sexa necesario falar del porque as nosas rapazas, os nosos rapaces e nós mesmas merecemos unha sociedade igualitaria de verdade.

Isabel Calvete

Presidenta da Fapacel