Estamos fartas

Estamos fartas

Esta semana comunicáronnos dende o noso CPI [de Cervantes] que unha das profesoras de primaria vaise para outro destino. Non sen razón, alporizámonos outra vez, por qué digo outra vez? Porque xa nos vimos nesta situación, en varias ocasións. Vivimos co medo no corpo, porque non temos o número de nenas e nenos suficientes para contar con todos os profesores especialistas que precisamos; fai tempo que non o temos.

Realmente é tan importante ese número? Fai dous anos chegábanos ter 5 nenos para «merecer» a especialista de educación infantil. O ano pasado con 4 non tíñamos nada que facer e non a tivemos, por máis que razoábamos que as nosas nenas e nenos non son números. E para o próximo curso teremos 6 na etapa de infantil e tampouco abonda, polo visto. Probablemente «recheen» o oco ou cunha ou cun especialista de primaria, sería de educación física ou cunha ou cun especialista de infantil (ou que teña as dúas especialidades, por qué non). Infantil é a base da formación , as nosas nenas e nenos pequerrechos teñen dereito a ela e a moito máis, a tanto como ten calquera cativa do resto do país. Estaremos «satisfeitas». Iso si, a costa de ter só un profesor para o resto de Primaria, os 6 cursos.

Seica estamos negociando co que máis nos importa, pero nós non negociamos, nin nos conformamos coas migallas. Realmente estamos fartas e fartos desta situación, de que nos consideren cidadáns de segunda, galegos de segunda. Non o somos. Somos os que ficamos na montaña e no rural, os que mantemos a paisaxe para que veñades a disfrutala, os que producimos a carne e o leite que tanto vos gustan, os que conservamos a cultura tradicional e o patrimonio da que todo o país nos gabamos, as que facemos todo o posible por evitar eses incendios forestais que tanto vos asustan cando os vedes nos medios ou vos chegan as portas das cidades.

As que falamos galego mentres nas cidades o estades esquecendo. A nós non nos vale calquera argumento para xustificar o inxustificable. As nosas nenas e nenos non son números. Son o futuro. Seica teredes que pensar que empeza a ser urxente un cambio de políticas de xestión do rural. Vós veredes. Nós estamos fartas.

Isabel Calvete (presidenta Anpa Cpi Cervantes)