III XORNADAS DE ANPAS GALEGAS NO RURAL

O sábado 19 de marzo estivemos na casa Quindós – Vilela,  en Navia de Suarna, falando do rural galego no rural galego; recibidas, hospedadas, e acompañadas polas compañeiras das ANPA DA MONTAÑA de Lugo, verdadeiras protagonistas  da normalidade da vida rural, mulleres bravas e loitadoras, das que permiten manter unha pequena esperanza sobre a vida futura nestes lugares, tan abandonados da man da administración como, desgraciadamente, da propia evolución cultural do noso País, cada día máis contaminado e menos aproveitado por nós mesmas.

Desta volta, ANPAS GALEGAS quixo facer, e fixemos, unha xornada festiva e tamén de debate, unha xornada positiva sobre o rural. Porque xa abonda de dicir que o rural morre, cando o que temos que dicir é que o rural vive porque ten moitas gañas e moitas razóns para vivir: que son outras quen o están enterrando a cada pouco, pero que a súa xente non ten nin a menor intención de deixalo ir, e que está de seguido a buscar solucións aos problemas cotiáns coa vista posta no futuro.

Houbo moitas intervencións: tivemos a sorte de recibir testemuñas singulares da vida real do rural, a de Xaneco ou Laura , que nos contaron a súa experiencia vital nun rural posíbel e querido. Escoitamos a Mini contarnos, con toda a excelencia da súa palabra, cal foi a súa experiencia como mestre galego implicado no agromar da nosa realidade nunha escola que viña travestida de culturas alleas.

Escoitamos tamén unha fonda reflexión sobre a FP que se vive no rural, cales son as súas opcións, demandas, saídas imaxinadas e reais; escoitamos como non existe unha reflexión institucional fonda sobre cal é o papel dinamizador da FP na consolidación do futuro do rural galego: como os currículos son foráneos e inadaptados porque a Xunta non é quen a escoitar a quen sabe e limítase a copiar currículos doutros lugares: como se disocia o oferta necesaria da demanda inducida por axentes externas. Comprobamos, e non nos gustou facelo, como a FP, que podería ser fonte de renovación, amarre de permanencia da xuventude, e cerne de asentamento de novas poboacións, está a ser en moitas ocasións tan só a plataforma para que as mozas e mozos formadas continúen migrando para por en práctica e uso os seus coñecementos.

Falamos dos CPI, dun modelo que lle acae ao noso rural dun xeito perfecto, coas excelentes experiencias de Cervantes e Pedrafita alí presentes. Un modelo onde a convivencia entre alumnado de idades diversas redunda nunha experiencia singular e enormemente positiva, pero tamén un modelo onde boa parte do éxito está na presenza de comunidades educativas consolidadas, que converten en oportunidades e alicerces o que inicialmente podería considerarse dificultades causadas pola presenza de pouco alumnado.

Tamén xurdiron críticas e afirmacións que están sempre presentes: a necesidade de transporte para o alumnado de bacharelato, a urxencia de garantir especialistas en música e plástica nos centros rurais, a dificultade que ten aquel alumando que pasa até 55 minutos nun autobús para chegar ao colexio ou para voltar a casa, e sobre todo, o permanente temor a que unha Administración calculadora decrete o peche dun centro escolar en calquera momento: porque realmente non saben, nin queren saber, canto fai un centro escolar polo asentamento nun territorio, e canto de necesario é mantelos e potencialos de veras, e non con campañas ridículas como as que adoitan facer os nosos líderes políticos cada certo tempo.

Quedamos sorprendidas cando oímos que os CPI non só eran un modelo rural, senón que mesmo deberan ser un modelo exportábel ao mundo urbano e xeneralizarse, pola súa lóxica de xuntar nun mesmo centro infantil, primaria e secundaria, unha das varias interesantes reflexións que lle adebedamos a BrancaNazaré.

Tan sorprendidas como cando os diferentes centros de FP presentes explicaron as súas inmensas diferenzas dotacionais, que non obedecen a ningunha lóxica académica. É ben certo que os claustros destes centros chegan a solucións creativas para solucionar estas eivas, pero non o é menos que é lamentábel que a administración non sexa quen de facer o seu traballo.

Fixemos todo isto co acompañamento e a hospedaxe de Óliver Laxe, e queremos agradecerllo publicamente. Que alguén que ten unha merecida sona tome a opción de utilizala para defender as súas orixes e o noso rural non pode máis que movernos ao aplauso, e confirmarnos no que diciamos ao principio: temos un rural dunha grandísima vida, merece toda a nosa atención e agarimo.