FAPACEL
Edificio Cei Nodus Concello de Lugo
Avda. da Coruña, 500 - 27003 - Lugo
fapacel@gmail.com
+34 609 983 876
Nota de Prensa coa situación dos centros de ensino da cidade de Lugo pola folga de limpeza
A Fapacel vén de enviar unha nota de prensa coa problemática que están a sufrir os centros de ensino públicos da ceidade de Lugo. Esperamos que axude a que, quen teña a pelota no seu tellado, solucione, coa maior brevidade posible, as situacións insalubres que están a vivir os nenos e nenas.
As imaxes, tamén compartidas coa nota de prensa, están recollidas pola Anpa do Illa Verde. E nelas podemos apreciar a realidade diaria do alumnado.
O texto enviado é o seguinte:
A Federación Provincial de ANPAs de Ensino Público de Lugo quere de novo mostrar o seu descontento coa falla de solucións a folga de limpiadoras/es, que afecta aos colexios públicos da cidade de Lugo e que segue a deixar imaxes moi lamentables nalgúns colexios da nosa cidade.
Xa van máis de 100 días de folga, e vaia por diante que a Federación recoñece o dereito a folga de calquera traballador/a, máis... onde están os nosos representantes políticos? acaso están na procura de solucións? ou a esixir algunha sanción á empresa xestora por non cumprir o seu traballo?, que, por certo, non é outro que dar o servizo de limpeza polo que cobra unha importante cantidade de diñeiro.
A situación de insalubridade é insostible, os nenos e nenas que teñen alerxias ó po por poñer un exemplo, están fartos de tomar antihistamínicos, corticoides, colirios... Para poder vir ó seu colexio, por outra banda, un dereito recoñecido na lexislación vixente.
As familias sentimos un total abandono, un total estancamento deste conflito, no que nin o Concello nin a nosa Consellería de Educación esixen nin toman medidas para acadar unha pronta solución que xa chega tarde. Lembrámoslles que falamos de nenas e nenos e do seu benestar e dereitos.
Son os nosos fillos e fillas as que diariamente xunto co persoal docente e non docente están vivir está situación nas aulas, na biblioteca, no ximnasio, no pavillón.... Isto é insostible, inxustificable nunha sociedade na que temos representantes electos, consellerías, concellarías, que deberían buscar e atopar solucións
Á FAPACEL, como representante das anpas dos centros públicos de Lugo, xa non nos serven escusas nin de ámbitos de competencias nin ningunha outra, por un problema laboral que non son quen de xestionar, as nenas e nenos dos colexios da cidade de Lugo están a sufrir as consecuencias e isto é intolerable.
Por iso, unha vez máis solicitamos que interveñan para solucionar esta situación canto antes .
Reciba un cordial saúdo.